Román Rodríguez salienta a modernización das universidades galegas na inauguración do IV Simposio Internacional Aprendizaxe-Servizo Universidade

Ven, 18/10/2024 - 11:22
s

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración do IV Simposio Internacional de Aprendizaxe-Servizo Universidade, un evento que promove o coñecemento de novas metodoloxías de ensino como unha vía para a innovación educativa na Universidade. O titular de Educación destacou que Galicia é pioneira neste eido, xa que foi precursora no modelo de graos e másteres duais, que combinan as aulas co traballo directamente conectado coa sociedade.

A xornada, que se celebra na Facultade de Ciencias da Educación, inclúe conferencias e mesas sectoriais coa implicación das tres universidades públicas galegas e a participación de expertos de universidades nacionais e internacionais, como Harvard University, Università di Verona, University of Galway e Universidade do Porto. Román Rodríguez subliñou que a Xunta aposta por unha oferta académica diversificada, innovadora e adaptada aos novos retos profesionais. Tamén agradeceu á Universidade de Santiago de Compostela por organizar este evento que busca pechar a fenda entre o coñecemento académico e o mundo real, xerando sinerxías que benefician á sociedade no seu conxunto.