A Xunta inaugura as obras de mellora do Colexio Vicente Arias de la Maza, en Lalín, cun investimento de medio millón de euros

O conselleiro de Educación pon en valor a importancia desta actuación para mellorar o día a día da comunidade escolar e para mellorar a eficiencia enerxética do centro

Co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica investíronse 2,8M€ nos centros de Lalín e está xa comprometida a ampliación do Instituto IES Ramón Mª Aller Ulloa

Xov, 17/10/2024 - 17:02
v

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, comprobou hoxe o resultado das obras do Colexio CEIP Vicente Arias de la Maza, en Lalín. Cun orzamento de 537.000€, a actuación que supuxo o cambio de cubertas do centro e a renovación de fiestras e portas, entre outras melloras.

O titular de Educación do Goberno galego puxo en valor a importancia desta actuación “no día a día da comunidade educativa, dado que vai supoñer un maio confort térmico para todos os usuarios do colexio”, explicou. Así mesmo, sinalou que este tipo de intervencións “melloran de xeito moi significativo a eficiencia enerxética dos centros, un dos principais obxectivos do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para a renovación dos edificios educativos”, dixo.

A intervención no colexio de Vilatuxe abrangue a substitución das cubertas dos dous edificios docentes do colexio e da pista cuberta. Nesta última tamén se procedeu ao revestimento interior do polideportivo, cunha chapa de aceiro. Ademais, renováronse un total de 46 ventás e fiestras, o equivalente a 121 metros cadrados, nos edificios educativos e nos vestiarios da pista deportiva. As novas carpinterías son de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre con cámara de aire intermedia.

Román Rodríguez destacou que esta obra vén completar un investimento de máis de 2,8M€ en melloras nos centros educativos lalinenses ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, entre as que destaca a construción da nova central de biomasa do Colexio CEIP Xesús Golmar (máis de 1M€), a rehabilitación integral do CEIP Xoaquín Loriga (660.000€) ou a renovación de fiestras e cuberta do CEIP Plurilingüe Varela Buxán (356.000€). Ademais, lembrou que xa está comprometida a obra de ampliación do Instituto IES Ramón María Aller ulloa, cun importe estimado de 2,5M€, co obxectivo de reforzar a oferta de FP que existe xa no Deza e facilitar a implantación de novos ciclos.