A Xunta reforza o plantel de profesorado en case 300 centros a través do programa PROA+
Publícase a resolución provisional do programa, cuxos docentes se incorporarán ás aulas nos vindeiros días, cumprindo o calendario previsto no marco do Plan MEGA
Mañá ábrese o prazo de presentación de solicitudes da terceira medida do plan, o programa de Centros Referentes, dotado con 2M€
A mesa sectorial analiza hoxe a proposta da Consellería de Educación para reforzar a Inspección Educativa
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Instituto IES de Cacheiras (Teo), onde anunciou que a Xunta vai reforzar o plantel de profesorado en case 300 centros a través do programa PROA+, a segunda das medidas do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia.
O departamento educativo do Goberno galego vén de publicar a resolución provisional deste programa, segundo o cal 298 centros terán este reforzo docente. Deles, 97 son centros da provincia da Coruña, 42 da de Lugo, 53 da de Ourense e 106 da de Pontevedra. Un dos centros beneficiarios desta segunda medida do Plan MEGA é, precisamente, o IES de Cacheiras que, ao igual ca o resto dos seleccionados, recibirá o novo profesor nos vindeiros días.
Tal e como explicou o conselleiro, “con esta nova incorporación de profesorado seguimos cumprindo co calendario previsto para este plan, que comezou coa incorporación en setembro dos primeiros docentes de reforzo, vencellados ao primeiro programa, o Promociona”, afirmou.
Rede de centros referentes
Román Rodríguez salientou que hoxe tamén se publica a convocatoria do programa de referentes, que ten como finalidade crear unha rede de centros educativos que destaquen en materia de inclusión e innovación educativa e supoñan un exemplo de boas prácticas para o conxunto da comunidade educativa e, especialmente, para que poidan influír positivamente noutros centros similares.
Os centros que desexen sumarse a este terceiro programa do Plan MEGA poderán solicitalo desde mañá ata o 13 de novembro. Poderán facelo en dúas modalidades diferentes, unha centrada nos proxectos de inclusión educativa e outra nos de innovación.
Poderán participar neste programa os centros públicos que impartan ensinanzas de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria. Deberán elaborar un proxecto educativo centrado nalgunha das oito áreas de mellora ou ámbitos presentados na convocatoria: igualdade, convivencia, inclusión, benestar emocional, competencia matemática, competencia lectora, internacionalización e sostibilidade. Os detalles de cada área de mellora poden consultarse no Portal Educativo.
Os centros seleccionados desenvolverán o seu proxecto ao longo do curso 2024/25, para o que contarán co apoio específico do departamento educativo da Xunta a través de asesoramento, formación específica e difusión de boas prácticas. Asemade, darase aos centros dunha asignación extraordinaria para o desenvolvemento dos proxectos, para o que a convocatoria está dotada cun orzamento de ata 2M€.
Iniciativas innovadoras en Teo
No transcurso da visita ao IES de Cacheiras, o conselleiro puido coñecer de primeira man varias das iniciativas innovadoras desenvolvidas por este centro. Así mesmo, houbo demostracións dos clubs de lectura, de ciencia, de debate e oratoria e de teatro e tamén se presentaron os proxectos de voluntariado, así como as diferentes iniciativas que o centro desenvolve en prol da igualdade e da inclusión educativa, entre outros.
Reforzo da Inspección Educativa
Por outra banda, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP levou hoxe á Mesa Sectorial a proposta para reforzar a Inspección Educativa e, en concreto, para cubrir de forma provisional as vacantes existentes neste corpo, ben sexa porque os titulares das prazas se atopan en situación de prestación de servizos especiais ou outras circunstancias excepcionais, ben por causa de xubilación.
Estas prazas cubriranse de forma provisional a través dunha proba de coñecementos. En calquera caso, será necesario que os aspirantes sexan funcionarios de carreira do corpo docente cunha antigüidade mínima de oito anos.