A Xunta promoverá en 97 centros de secundaria de toda Galicia charlas a prol da elección de profesión sen deixarse limitar por prexuízos de xénero
Trátase dos beneficiarios da 3ª edición do programa Que non te líen, ti elixes, impulsado polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Do total de centros, 33 pertencen á provincia da Coruña, 32 á de Pontevedra, 22 á de Lugo e 10 á provincia de Ourense
O obxectivo é seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados como o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro, o do metal ou as TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa
A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria da 3ª edición do programa Que non te líen, ti elixes, a primeira deste curso 2024-2025. Así, no marco da iniciativa impulsada polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, un total de 97 centros de secundaria de toda a Comunidade acollerán charlas a prol de que as mulleres escollan profesión atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por prexuízos ou estereotipos de xénero.
En concreto, 33 dos beneficiarios pertencen á provincia da Coruña, 32 á de Pontevedra, 22 á de Lugo e 10 á provincia de Ourense. Todos son centros educativos galegos sostidos con fondos públicos onde estuda alumnado de 3º e 4º da ESO. A finalidade do programa no que participarán é seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados como o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro, o do metal ou as TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa.
Así, nesta nova andaina do programa Que non te líen, ti elixes, as charlas didácticas e debates promovidos nos centros seguirán estando dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores con escasa representatividade feminina, que porán sobre a mesa cuestións como as condicións laborais dos diferentes ámbitos profesionais, que constatan maiores salarios para os empregos que soen estar ocupados por homes. Tamén porán en valor mulleres referentes de éxito en ámbitos profesionais con reducida presenza feminina, para que poidan servir de exemplo ás novas xeracións.
Balance das edicións anteriores
A resolución da 3ª edición da iniciativa mellora os datos acadados nas anteriores. Así, na estrea do programa percorréronse uns 75 centros de ensinanza que estaban -polo xeral- situados preto de institutos de formación profesional nos que se ofrece cualificación de familias de sectores tradicionalmente masculinizados, cun total superior ás 140 charlas. Mentres, na segunda edición foron case 90 os centros onde se desenvolveron case 200 accións. En total, beneficiáronse nestes casos case 11.000 alumnos.