A Xunta e a Asociación de Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia colaboran para impulsar a acreditación de competencias neste eido

A directora xeral de FP reúnese con este colectivo no Centro Integrado de FP A Xunqueira, en Pontevedra, un dos centros de referencia de acreditación nesta materia xunto co CIFP Ánxel Casal-Monte Alto da Coruña

Case 150 profesionais deste sector beneficiáronse xa da acreditación de competencias, unha vía pola cal un traballador pode certificar as habilitades e coñecementos específicos dun campo profesional, o que lle abre vías no mercado laboral

Ven, 11/10/2024 - 18:49
b

O Goberno galego, en colaboración coa Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (BAMAD Galicia), traballa para impulsar a acreditación de competencias profesionais neste eido, unha vía administrativa pola cal un traballador pode certificar as súas habilidades e coñecementos específicos dun campo profesional específico, o que lle abre vías no mercado laboral.

A directora xera de FP, Eugenia Pérez, e a devandita entidade reuníronse no Centro Integrado de FP CIFP A Xunqueira, de Pontevedra, para facer un seguimento do proceso de acreditación de competencias neste campo e darlle un novo impulso a este procedemento ao abeiro do Plan FPGal360.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP explicou que, a través deste plan, a Xunta ten como obxectivo potenciar a capacitación profesional da poboación en xeral e a vía da acreditación de competencias é unha delas. “O reto que nos marcamos é reducir o abandono escolar, mellorar a inserción laboral e incentivar a formación daquelas persoas que no seu momento saíron do sistema educativo”, abondou Eugenia Pérez.  Así mesmo, gabou a importancia da colaboración con este tipo de entidades e colectivos xa que permite “un resultado máis óptimo do proceso ao acadar un maior número de persoas acreditadas”.

Ao proceso de acreditación de competencias poden apuntarse os candidatos que reúnan unha serie de requisitos mínimos  en canto a número de horas traballadas e/ou cursadas en formación non formal e a superación do mesmo permite aos traballadores a adquisición de unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións profesionais. Así pois, esta vía demostra que un profesional non só posúe certas habilidades, senón que as demostrou ante a Administración. Isto repercute de xeito positivo no mundo laboral xa que permite ao acreditado mellorar as súas condicións, unha mellor adaptación aos cambios do mercado ou un recoñecemento internacional das súas competencias profesionais.

Centros referentes

O CIFP A Xunqueira de Pontevedra xunto co Ánxel Casal-Monte Alto da Coruña son referentes en Galicia en canto a certificación no eido de arquivos e bibliotecas. Desde que o pasado ano se iniciou a colaboración con esta asociación, 145 persoas puideron certificar un total de 676 unidades de competencia. No CIFP A Xunqueira fixérono 50 persoas con 240 unidades acreditadas mentres que no Ánxel Casal-Monte Alto foron 95 persoas e 436 unidades.