A Xunta mellora a confortabilidade do colexio da Lama, en Pontevedra, coa impermeabilización da fachada e o cambio de ventás da zona da biblioteca

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, visita o centro, onde o Goberno galego vén de investir 60.000€

Ven, 11/10/2024 - 15:15
l

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta de Galicia, Jesús Álvarez, visitou o colexio CEIP A Lama, en Pontevedra, para supervisar o remate das obras de mellora da confortabilidade do colexio, onde o Goberno galego vén de investir 60.000 euros.

A intervención, enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, consistiu na impemeabilización da fachada e o cambio de ventás da zona da biblioteca escolar, que acolle tamén o Polo Creativo do centro. Isto permitirá evitar filtracións e, ao mesmo tempo, mellorar o confort deste espazo que é un dos máis activos do colexio desde o punto de vista académico.

Cómpre lembrar que, desde principios do ano pasado, o centro conta cun espazo renovado de biblioteca escolar máis amplo e mellor equipado grazas ao apoio da Xunta que, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, investiu un total de 55.000€ na obra de remodelación e mellora que levou aparellado o reforzo do equipamento e mobiliario e adquisición de novos fondos bibliográficos.

Ademais de salientar o compromiso do Goberno galego na aposta polo ensino no rural con infraestruturas modernas, confortables e totalmente equipadas, o director xeral gabou o “dinamismo” da biblioteca escolar deste centro que desde o curso 2009-10 forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia.