O conselleiro de Ciencia confía en que o encontro internacional de computación cuántica teña retorno en Galicia con novos proxectos e investimentos
Román Rodríguez clausura a cita organizada por Fujitsu con 300 profesionais de 13 países e destaca a aposta da Xunta por esta tecnoloxía a través do CESGA
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, clausurou esta tarde o encontro International Quantum Business Conference, unha cita que reúne esta semana en Santiago a 300 profesionais de 13 países especializados nas tecnoloxías cuánticas. Nela amosouse confiado en que a súa celebración na nosa Comunidade teña retorno con novos proxectos e investimentos que nos permitan seguir avanzando neste eido.
O responsable de Ciencia da Xunta destacou o potencial destas tecnoloxías que permitirán avanzar na resolución de problemas complexos que os computadores tradicionais non son capaces; acelerar o desenvolvemento doutras tecnoloxías; mellorar a competitividade dos distintos sectores, e contribuír ao benestar social.
Apuntou, así mesmo, que Galicia vén apostando decididamente por este campo nos últimos anos para situarse como un referente nestas tecnoloxías e, así, impulsar a ciencia, atraer talento e xerar novas oportunidades para a industria, no marco do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia. De feito, sinalou o noso carácter pioneiro con infraestruturas como o QMIO, o computador cuántico do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o máis potente do Sur de Europa instalado nunha institución pública.
Por último, Román Rodríguez lembrou que para avanzar nas tecnoloxías cuánticas resulta clave a colaboración constante entre todos os axentes especializados co fin de aproveitar ao máximo as súas capacidades. Para reforzar estas conexións, Galicia ten constituído unha Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, formada polos distintos axentes do ecosistema galego de I+D+i, co obxectivo de deseñar unha folla de ruta común que impulse a industria e o capital humano.