A Xunta amosa ao Goberno central os resultados do modelo de éxito da FP galega logo de 15 anos de aposta continua
O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, exerce de anfitrión na visita da ministra de Vivenda ao Centro Integrado de Formación Profesional Someso, na Coruña
A Xunta amosou hoxe ao Goberno central os resultados do modelo de éxito da FP galega logo de 15 anos de traballo e aposta continúa por estas ensinanzas. Foi no Centro Integrado de Formación Profesional CIFP Someso, na Coruña, onde o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, exerceu de anfitrión coa ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, que quixo coñecer este centro durante unha viaxe institucional á cidade este xoves. Ao acto tamén acudiu a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
Diego Calvo agradeceu o interese do Executivo central polo bo traballo de Galicia nesta materia, subliñou “a aposta do Goberno galego pola Formación Profesional e a atención ás necesidades das empresas desde estas ensinanzas, impulsando a formación dual, na que somos pioneiros en España”. Sinalou que, froito do impulso da Xunta a estas ensinanzas desde 2009, este ano acádase o récord de matriculación, con de 68.823 alumnos. “Duplicamos os matriculados na FP neste período”, destacou o conselleiro de Presidencia, quen salientou “a calidade dos docentes que traballan en cada un dos centros” como un dos piares do éxito destas ensinanzas.
O CIFP Someso é un centro de sobresaínte no sector da construción e forma parte da rede de 28 centros integrados de FP da Xunta. Cinco deles, incluído o CIFP Someso, forman parte da Rede Estatal de Centros de Excelencia en FP, o que demostra o bo desempeño da nosa Comunidade nestas ensinanzas.
Nos últimos anos, o centro coruñés consolidouse como referente, desenvolvendo oito proxectos de innovación autonómicos en ámbitos como a bioconstrucción, solucións enerxéticas sustentables, novas tecnoloxías de soldadura para estruturas metálicas e o impulso da enerxía eólica mariña. Todos lograron resultados notables, e por iso, a Xunta solicita ao Goberno estatal “a descentralización dos fondos para axilizar a xestión e reducir a burocracia, co obxectivo de seguir obtendo os bos resultados na FP en Galicia”.