Aberto o prazo para que o alumnado galego que estuda portugués no seu centro educativo poida acreditar o seu nivel nesta lingua de xeito gratuíto

Os institutos públicos galegos teñen ata o 23 de outubro para inscribirse nas probas, que se realizarán a través dunha plataforma electrónica nos propios centros

Están dirixidas a estudantes de 4º de ESO e 2º de Bacharelato que estean a cursar portugués como lingua estranxeira nun centro público galego

Esta acción é froito dun acordo pioneiro entre a Xunta e o Instituto Camões que non ten ningunha outra comunidade autónoma

Mér, 09/10/2024 - 19:05
i

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de abrir a convocatoria para que os institutos galegos que imparten lingua portuguesa soliciten participar nas probas Camões Junior para certificar o nivel de competencias dos estudantes nesta lingua a través dun exame totalmente gratuíto para as familias.

As probas están destinadas a alumnado de 4º de ESO e 2º de Bacharelato que no presente curso estea a cursar Portugués como primeira ou segunda lingua estranxeira nun instituto público galego. Os centros, que son os encargados de seleccionar ao alumnado participante, dispoñen de prazo ata o día 23 deste mes para participar nesta acción que se desenvolve por primeira vez este curso grazas a un acordo pioneiro acadado entre a Xunta de Galicia e o Instituto Camões.

As probas, que se realizan a través dunha plataforma electrónica, consisten nun único exame para avaliar o grao de desempeño global nas competencias de comprensión e de expresión oral (un 50% da puntuación total) e de comprensión e expresión escrita (outro 50%) co fin de acreditar o nivel lingüístico A1, A2 ou B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).

Para acadar a certificación os estudantes terán que superar as probas do Exame de Portugués Lingua Estranxeira Camões Júnior, pero non terán que desprazarse para facelo, senón que as farán desde o seu centro educativo a través dunha plataforma electrónica.

O Instituto Camões será o encargado da organización e xestión das probas, que se que de forma xeral se levarán a cabo nas instalacións de cada centro educativo nas datas acordadas entre ambas partes.

Cómpre lembrar que Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en subscribir un acordo deste tipo co Instiuto Camões que, ademais, deriva da aplicación da Lei Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa o vínculos coa lusofonía. Ademais, están en marcha programas como Escolas de fronteira ou Ponte nas Ondas para fomentar a relación dos escolares de ambos os países.

Arredor de 5.500 alumnos

Precisamente o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP reafirmou hoxe no Parlamento de Galicia o compromiso do Goberno galego coa aprendizaxe da lingua lusa nos centros educativos galegos. Segundo as últimas cifras, estudan portugués unhas 5.500 persoas tanto en institutos como en escolas de idiomas.

Román Rodríguez tamén defendeu a continuidade do ensino do portugués no Instituto IES San Paio (Tui), que conta este curso coa mesma dotación de profesorado para o ensino desta lingua ca o ano pasado. “En ningún caso está en perigo o ensino do portugués”, explicou, sinalando que o Regulamento Orgánico dos Institutos establece que, para ter un departamento dunha lingua (agás inglés), esta ten que ser a primeira optativa no centro, o que non ocorre neste centro.