Román Rodríguez fixa como obxectivo que todos os galegos estuden como mínimo ata os 18 anos
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participa na inauguración de Edugal 2024, o XIII Salón de Educación e Formación en Galicia
Anima aos mozos a achegarse aos stands dos centros integrados de FP para coñecer de primeira man as posibilidades que ofrecen estas ensinanzas
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, fixa como obxectivo que todos os galegos estuden como mínimo ata os 18 anos. Así o afirmou durante a inauguración do XIII Salón de Educación e Formación de Galicia, Edugal, onde explicou que, aínda que en España a lei marca a escolarización obrigatoria ata os 16 anos, desde a Xunta trabállase para que a mocidade galega continúe formándose tras acadar esa idade.
O conselleiro destacou a importancia de incentivar aos máis novos para que non abandone o sistema educativo tras rematar a ESO, senón que continúen a súa formación en opcións como o Bacharelato, a Formación Profesional ou a Universidade. Por iso, animou aos estudantes a visitar os stands da feira para coñecer de primeira man a ampla oferta formativa dispoñible e a obter información sobre formación e emprego.
Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, salientou que para acadar este obxectivo, este ano vaise poñer en marcha o Plan FPGal360, un programa que fortalecerá a Formación Profesional, promoverá a redución do abandono escolar e mellorará a inserción laboral da mocidade galega. “Queremos que cada mozo e moza vexa na FP unha opción de éxito, que lles abra as portas ao mercado laboral”, subliñou o conselleiro. Tamén fixo referencia aos avances de Galicia en educación, ao reducir a taxa de abandono escolar ao 9%, cumprindo co obxectivo fixado pola Unión Europea para 2030. “Este logro é froito do traballo conxunto de toda a comunidade educativa”, engadiu, destacando o papel clave da Formación Profesional neste avance.
Récord de matrícula na FP
O titular de Educación convidou aos estudantes a aproveitar Edugal como unha oportunidade para explorar o abanico de opcións formativas que ofrece a FP en Galicia, destacando o récord de 68.823 matriculacións neste curso, un incremento do 7% respecto ao ano anterior. Este crecemento demostra a consolidación da FP en todas as súas modalidades e familias profesionais en todo o territorio galego.
Román Rodríguez tamén expresou o seu agradecemento pola colaboración entre entidades públicas e privadas para facer posible este evento, que se converte nun punto de referencia para estudantes, profesionais do ensino e centros formativos. “Edugal é un escaparate da FP galega, que axuda aos estudantes a tomar decisións ben fundamentadas sobre o seu futuro académico e profesional”, concluíu.
Escaparate da FP galega
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional conta cun espazo propio en Edugal, dedicado a promocionar a Formación Profesional entre o alumnado, as familias e as empresas da contorna de Pontevedra. No expositor participan centros educativos da área, como varios centros integrados de Formación Profesional, entre eles o CIFP Escola de Cantería de Galicia de Poio. Estes espazos ofrecen información sobre os programas formativos, saídas profesionais, emprendemento, acreditación de competencias e proxectos de innovación. Entre as iniciativas presentadas polos estudantes, destacan un simulador forestal, un vehículo eléctrico e varios produtos elaborados, como viños e aceites. Ademais, o alumnado dos CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e Manuel Antonio de Vigo organiza demostracións de cociña en directo.
Aposta polo emprendemento e pola artesanía
Durante a xornada de hoxe, tamén participou en Edugal o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, cun relatorio sobre as oportunidades para o emprendemento en Galicia. Na súa intervención, referiuse á Rede de polos con 14 centros activos e con máis de 2.500 proxectos atendidos ata o momento e a axudas dispoñibles como a cota cero para novas altas de autónomos ou o Bono Remuda para sufragar parte dos gastos de transmisión de empresas rendibles que vaian pechar. Tamén aludiu a iniciativas novidosas como o proxecto pioneiro de coliving que está a impulsar a Xunta para atraer nómades dixitais ou traballadores en remoto ao noso rural.
A maiores, interveu a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, que puxo de relevo as posibilidades que ofrece o sector artesán ás novas xeracións para o inicio de novas actividades empresariais. Nesa liña, destacou as oportunidades de negocio dos máis de 800 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia e o reto de remuda xeracional que existe neste eido fundamental da nosa economía. Un reto ao que está a facer fronte o Goberno autonómico cunha estratexia integral da que forma parte o programa pioneiro Aprender da tradición. Oficios e técnicas, que deu comezo xa a dous de seis novos cursos para seguir apostando por novas caras á fronte da nosa artesanía.
Precisamente no posto da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración instalado en Edugal haberá -deica este venres, e en horario de mañá- obradoiros organizados pola Fundación Artesanía de Galicia arredor do torno cerámico, das cianotipias, do gyotaku aplicado a saquetas de tea e do marmoleado. A maiores, ofreceranse charlas sobre como elaborar un currículum vítae ou sobre como preparar unha entrevista de traballo, ademais de prestarse información sobre a ferramenta EMi aplicada nas oficinas de emprego para casar oferta e demanda laboral en tempo real ou sobre a Rede de polos de emprendemento.