A Consellería de Cultura e Educación propón unha Semana Santa en familia na Cidade da Cultura cunha ampla e renovada oferta para todos os públicos

O departamento dirixido por Xesús vázquez Abad aposta por facer partícipe a toda a cidadanía do proxecto plural do Gaiás

Grandes e pequenos poderán gozar de obradoiros, exposicións, espectáculos infantís e visitas guiadas

O Arquivo de Galicia acolle tres mostras que teñen en común o libro como protagonista, máis alá da palabra

Mar, 03/04/2012 - 11:28

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de renovar a oferta cultural e de ocio da Cidade da Cultura de Galicia, co fin de propoñer á cidadanía múltiples iniciativas durante a Semana Santa. Deste xeito, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad, a través da Secretaría Xeral de Cultura, ofrécelles ás familias unha opción que integra elementos culturais e de ocio, con actividades para todos os públicos, tales como obradoiros, visitas guiadas ou espectáculos infantís.

Nesta programación o Arquivo de Galicia ocupa, ademais, un papel protagonista. Tres son as exposicións que se veñen de inaugurar neste edificio, baixo o nome xenérico de Libros para ver, cun protagonista común: o libro como algo máis que contedor de palabras. Tal e como explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, “os visitantes poderán a través destas tres mostras asistir a un diálogo artístico entre plástica e literatura, a un percorrido polos precedentes da banda deseñada e a unha viaxe de séculos dende o inicio da imprenta ata a edición dixital”.

Anxo Lorenzo quixo, ademais, salientar a aposta da consellería porfacer partícipes a todas as galegas e os galegos deste proxecto plural que é a Cidade da Cultura, a través dunha oferta cultural e de lecer pensada para que grandes e pequenos poidan coñecer máis de preto o complexo deseñado por Peter Eisenman e participar nas actividades programadas.

Propostas para o público infantil

Os máis pequenos serán uns dos protagonistas na Cidade da Cultura nestes días festivos. Eles tamén poderán reinterpretar os edificios do complexo do Gaiás a través do obradoiro Cidade de cartón, unha actividade na que ademais de aprender os múltiples usos que ten este material, rapaces de entre 6 e 14 anos deseñarán, recortarán e montarán a súa propia Cidade da Cultura, que se exporá ao público.

O obradoiro terá lugar o sábado 7 de 11 a 14 horas para cativos de entre 6 e 9 anos mentres que o domingo 8 será a quenda dos rapaces entre 10 e 14 anos no mesmo horario. As entradas poden mercarse en www.servinova.com a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión ou o mesmo día no que se celebrará o obradoiro no despacho de billetes da Cidade da Cultura a un prezo de 4 euros.

O exitoso ciclo Pequeclassics, que busca achegarlles a música clásica e a ópera aos máis pequenos, volve tamén o domingo 8 de abril cunha nova sesión na que monicreques e marionetas representarán Paxaro de lume, a coñecida obra de Igor Stravinsky. Pensada para nenos a partir de 3 anos, a función terá dous pases: un ás 12 e outro ás 17 horas. As entradas poden adquirirse en www.servinova.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión, ou no despacho de billetes da Cidade da Cultura o mesmo día do espectáculo a un prezo de 6 euros.

Visitas guiadas para coñecer as instalacións

Para todos aqueles que queiran coñecer o complexo deseñado por Peter Eisenman, a Cidade da Cultura ofrece tamén visitas guiadas polas instalacións. De martes a domingo ás 12:30 e ás 18:30 horas, os visitantes participarán nun percorrido explicativo de balde polo interior do Museo, a Biblioteca e o Arquivo de Galicia, ademais dos exteriores da Cidade da Cultura, onde descubrirán a orixe das Torres Hejduk ou poderán pasear pola praza central.

Estes días tamén son un bo momento para coñecer máis polo miúdo un dos edificios máis espectaculares da Cidade da Cultura: o Museo de Galicia. O edificio, que será inaugurado en xuño, cando acolla a mostra Gallaecia Petrea –un percorrido pola historia de Galicia a través da pedra–, pode visitarse desde o pasado 1 de novembro para gozar do espazo como unha obra de arte en si mesma. Ademais de contemplar a espectacularidade da súa fachada, os seus case 43 metros de altura e os seus máis de 16.000 metros cadrados de superficie, o visitante poderá converterse no primeiro artista que expoña nas brancas paredes do edificio grazas a Fluxograma, unha iniciativa que forma parte da exposición Inside e que lle permite ao público crear a súa propia obra de arte.

O libro, protagonista no Arquivo

Baixo o nome xenérico de Libros para ver, o Arquivo de Galicia acolle tres exposicións, que lle propoñen ao visitante unha mirada sobre o libro máis aló da palabra, deténdose nos seus aspectos plásticos. En Os ollos das palabras, o público asistirá á culminación dun diálogo de dous artistas conectados esteticamente: Baldo Ramos, desde o formato de libro de artista, e Caxigueiro, desde os seus traballos escultóricos e instalacións sobre estes elementos. Libros en papel de gran formato, esculturas en gres, poemas visuais ou versos escritos en diálogo coas creacións plásticas son algunhas das achegas persoais que poden verse ata o 10 de xuño no Arquivo de Galicia e coas que estes dous artistas convidan a explorar as posibilidades visuais e literarias do libro.

Os amantes da banda deseñada tamén teñen unha cita ineludible no Arquivo coa exposición Orixes do cómic en Galicia, un percorrido polos precursores da “novena arte” con pezas tan exclusivas como a primeira tira cómica en galego ou viñetas de Camilo Díaz Baliño, de Maside e de Castelao. Grazas ao traballo de investigación e recopilación da comisaria da mostra, Rosario Crespo, Orixes do cómic en Galicia ofrece un percorrido cronolóxico desde a década de 1880 ata 1960 que recolle por primeira vez o traballo de 50 ilustradores galegos que sentaron as bases da banda deseñada.

A última das tres exposicións que acolle o Arquivo propón unha viaxe de séculos desde a invención da imprenta por Gütenberg ata a edición dixital a través dunha historia única e persoal: a de Francisco Barros Cascallar, máis coñecido como Chankecham, zapateiro de profesión e escritor de vocación que a partir dunha antiga prensa para a elaboración do viño publicou a súa obra cuxos exemplares se atopan en prestixiosas bibliotecas como a Vaticana ou as nacionais de España, Portugal ou Francia.  Do it yourself! Os incunables contemporáneos cun impresor particular presenta o Legado Chankecham na Biblioteca de Galicia, composto por nove libros cuase-incunables, o tórculo, a imprenta, os tipos e o instrumental, as planchas de gravado e outros elementos xunto con documentación sobre o seu prodixioso e secreto labor creativo.

Paseo pola arte contemporánea

Un xardín aéreo que se alimenta das correntes subterráneas, unha bola de libros que che atrae cara ao seu vórtice coma un buraco negro, unha aldea rural en forma de rañaceos… Quen se achegue estes días polo Gaiás atopará unha Cidade da Cultura transformada a través da ollada de oito artistas contemporáneos e a obra colectiva de cen creadores mozos no marco da exposición Inside.

Na súa aposta por achegarlles a arte contemporánea aos cidadáns, a Cidade da Cultura conta coa visión particular que teñen do complexo artistas como Marlon de Azambuja, Elena Fernández Prada, Alicia Martín, Pamen Pereira, Jorge Peiranes, Damián Ucieda, Ramón Illobre e Anna Carreras aos que hai que sumarlle “Container Inside", a obra colectiva resultante do I Encontro de Artistas Novos” celebrado en setembro de 2011 na Cidade da Cultura, onde 100 mozos creadores puideron compartir e debater sobre o posicionamento actual do artista e o devir da produción artística contemporánea.