Unha mostra da Xunta e da Real Academia Galega de Ciencias homenaxea ao matemático Rodríguez no bicentenario do seu falecemento

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa na inauguración da exposición ‘José Rodríguez. O matemático de Bermés’

Román Rodríguez anima á cidadanía a descubrir “novas luces sobre a súa figura e contribución para poñer Galicia no mapa da ciencia”

Lun, 07/10/2024 - 18:23
m

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da exposición José Rodríguez. O matemático de Bermés, organizada pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Xunta de Galicia. Esta mostra, que se poderá visitar na Igrexa da Universidade, súmase ás celebracións que homenaxean ao longo deste ano ao Matemático Rodríguez no bicentenario do seu falecemento.

Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o titular de Ciencia puxo en valor o legado que deixou este ilustre matemático de Bermés. “Estamos ante un dos maiores e máis cativadores xenios da nosa historia, capaz de poñer o nome de Lalín nos principais foros científicos da súa época grazas a súa inigualable sabedoría e, en consecuencia, contribuíu a poñer Galicia no mapa da ciencia e o progreso”, sinalou o conselleiro. “Acadou grandes éxitos, como os seus estudos relacionados co meridiano de Greenwich ou os cálculos precisos do arco do meridiano terrestre, e fíxoo sempre reivindicando as súas raíces”, engadiu Román Rodríguez, quen apuntou que agora “é o noso deber como galegos homenaxear a súa figura”.

O representante da Xunta tamén salientou o apoio do Goberno galego, que celebra poder sumarse aos actos de conmemoración da figura do Matemático. A exposición coincide co seu nomeamento como científico galego do ano 2024. Enmarcada nas actividades do Día da Ciencia en Galicia, unha celebración promovida pola Academia de Ciencias, este traballo reivindica o valor da investigación científica a través de figuras destacadas como é o caso do Matemático Rodríguez.

Santiago, Lalín e Madrid

A mostra, que será itinerante, estará en Santiago ata o 12 de novembro para despois viaxa ata Lalín para rematar o seu percorrido no 2025 en Madrid. “Esta exposición única desprázase aos espazos que fixeron grande a lenda do Matemático: aquí en Santiago, no seu Lalín natal e tamén en Madrid, unha demostración máis da universalidade do persoeiro dentro e fóra das nosas fronteiras”, destacou Román Rodríguez. “É unha oportunidade para coñecer novas luces sobre a súa figura”, remarcou animando á cidadanía a coñecer as curiosidades da exposición.

Na súa primeira sede, na compostelá Igrexa da Universidade, a mostra poderá visitarse de luns a sábado, de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas, e os domingos de 11 a 14 horas. Con este traballo a Xunta de Galicia avanza na promoción do talento galego e na divulgación da nosa historia científica e cultural. Este proxecto subliña a importancia de preservar e difundir a memoria dos grandes científicos galegos, asegurando así que as novas xeracións descubran e valoren a súa contribución ao avance do coñecemento.