A Xunta salienta o potencial do Conservatorio Superior de Música de Vigo cunha aposta pola formación especializada e a internacionalización

A directora xeral de FP participa na apertura do curso académico 2024-25, onde destaca o apoio do Goberno galego coa matrícula gratuíta e o reforzo da oferta académica

Ven, 04/10/2024 - 13:30
f

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, subliña o potencial  do Conservatorio Superior de Música de Vigo, un centro dependente da Xunta cunha destacada aposta pola formación especializada e a internacionalización que se traduce nunha alta calidade académica dos seus graduados.

Así o salientou esta tarde con motivo da apertura do curso académico 2024-25 do conservatorio, onde a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP subliñou o apoio do Goberno galego ás ensinanzas artísticas en Galicia en xeral e en Vigo en particular. Non en balde, a Xunta implantou este ano a gratuidade da matrícula nos estudos de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores, unha medida pioneira a nivel estatal. Tamén se referiu ao  reforzo, o curso pasado, da oferta do Conservatorio Superior de Vigo coa posta en marcha do primeiro máster en ensinanzas artísticas en Creación, Interpretación e Investigación Musical, que actualmente están a cursar 38 alumnos dos máis de 300 matriculados neste centro.

O Conservatorio Superior de Música de Vigo ofrece unha ampla variedade de estudos de calidade. Entre eles, máis de 20 opcións instrumentais na especialidade de interpretación, así como as especialidades de Composición, Produción e Xestión, Musicoloxía ou Pedagoxía. Tamén destaca como un referente pola súa proxección internacional a través do programa Erasmus e este curso conta con novos acordos de intercambio coa Royal University of Arts de Pnom Phem de Camboia e con Mahidol University de Bangkok.