A Consellería de Educación anima aos centros a sumarse aos programas de impulso das bibliotecas escolares

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita o Colexio CEIP Virxe do Rocío, un dos participantes en ‘Biblioteca Creativa’, cuxa convocatoria está aberta

Tamén se poden presentar as solicitudes para o programa ‘Lectura e familias’

Ven, 04/10/2024 - 13:33
b

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, visitou hoxe a biblioteca escolar do Colexio Virxe do Rocío de Vigo, un dos participantes no programa Biblioteca Creativa, cuxa convocatoria está aberta ata o 8 de outubro para os centros que desexen incorporarse este curso.

Esta iniciativa busca estimular a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional a través de actividades manipulativas, entre outras, introducindo un espazo de creación e experimentación que achegue ao alumnado e ao profesorado os recursos e materiais axeitados. Trabállase a prol de ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e mediática, o razoamento lóxico, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado. Neste momento participan no programa 169 centros e poderán incorporarse 25 novos.

No transcurso da visita, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP animou aos centros a sumarse aos diferentes programas de impulso da biblioteca escolar que a Xunta ten en marcha no marco do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe). Entre eles destacou, ademais do devandito, o de Lectura e Familias, tamén coa convocatoria aberta, e que ten entre os seus obxectivos o fomento da participación dos integrantes do fogar nas actividades da biblioteca.

Familias nas bibliotecas

O programa Lectura e Familias busca estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar. Isto abrangue tanto experiencias de lectura como de traballo coa información e medios de comunicación. O obxectivo é que as nais e pais poidan, á súa vez, intervir con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos como persoas lectoras e usuarias de información.

Poderán presentar solicitude para integrarse nesta iniciativa os centros que participen no Plan de mellora de bibliotecas escolares e seleccionaranse un máximo de 25 centros, que se sumarán aos 115 que participan xa no programa. O prazo está aberto ata o 16 de outubro.