Xunta e Concello de Silleda reúnense para analizar melloras nos centros educativos
Román Rodríguez pon en valor as actuacións realizadas no municipio, por case un millón de euros, e compromete melloras no CEIP Plurilingüe de Silleda
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, para valorar diversas actuacións neste municipio de cara a mellora dos centros educativos.
Na reunión, na que tamén estiveron presentes o secretario xeral técnico, Manuel Vila, e a concelleira de Educación, Ángela Troitiño, o representante da Xunta puxo en valor os investimentos realizados no concello de Silleda estes últimos anos e ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2021-2024.
Concretamente, realizáronse tres grandes obras por case 1M€. Son melloras sectoriais e cambios de luminarias no IES Plurilingüe Pintor Colmeiro; melloras da cuberta, falsos teitos e aseos no CEIP Ramón de Valenzuela, e obras de reforma de aseos, substitución de cubertas e ampliación da aula de música no CEIP Plurilingüe de Silleda. Ademais, este verán a Consellería de Educación tamén acometeu pequenas obras de mellora no Instituto Pintor Colmeiro.
Tal e como foi comprometido xa con anterioridade coa comunidade educativa realizaranse melloras nos centros educativos do municipio. Entre elas destacan varias actuacións no CEIP Plurilingüe de Silleda, onde se cambiarán as fiestras para a mellora da eficiencia enerxética e se analizarán as posibilidades de facer un patio cuberto en colaboración coa Administración local. Así mesmo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP tamén valorará a posibilidade de ceder unha parte do patio do centro educativo para mellorar as instalacións da escola infantil.