Unha vintena de alumnos dos CIFP Compostela e Politécnico de Santiago cursaron FP dual intensiva con bolsas da Fondation Amigo

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reúnese con representantes da fundación para facer balance do éxito da iniciativa, que se renova e amplía no presente curso

Destaca a boa valoración da experiencia que fan tanto alumnos como empresas colaboradoras, que xa ofreceron traballo a algúns dos titulados

Mar, 01/10/2024 - 17:51
f

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reuniuse hoxe con Nathalie Chaix, Juan Carlos Hergueta e Manuel Montesinos, representantes da Fondation Amigo, para facer seguimento do acordo establecido entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e esta entidade para a formación de alumnos dos centros integrados de FP Compostela e Politécnico de Santiago. No encontro participaron tamén os directores dos centros, Ramiro Esparís e Nicolás Espasandín, respectivamente.

En concreto o curso pasado 19 alumnos destes centros puideron cursar os ciclos de grao medio en Atención a persoas en situación de dependencia e de grao básico en Carpintería e moble na modalidade de FP Dual Intensiva con bolsas da Fondation Amigo. Parte deles obtiveron ofertas de emprego nas empresas nas que fixeron a formación, pero a maioría dos alumnos optaron por seguir completando os seus estudos na FP galega.

A directora xeral enmarcou este acordo na aposta do Goberno galego por estender a modalidade dual intensiva a cada vez máis alumnos e agradeceu a colaboración da Fondation Amigo, que se fai cargo dos custes de contratación dos bolseiros por parte das empresas. Ademais, destacou a boa valoración da experiencia que fan tanto alumnos como empresas colaboradoras. De feito, dado o éxito da iniciativa, esta colaboración ampliarase este curso á familia de Artes Gráficas do CIFP Compostela.

Atención a persoas en situación de dependencia

No caso do CIFP Compostela beneficiáronse do acordo oito alumnas do ciclo de grao medio en Atención a persoas en situación de dependencia. Todas elas acadaron o título e seis recibiron proposta de contrato por parte das empresas nas que complementaron a súa formación.

Participaron na formación como empresas colaboradoras o centro ocupacional e de día Aspas, o Centro de día Salgueiriños-AGADEA, a Asociación de persoas con discapacidade da comarca de Noia (MISELA) e as delegacións de Servisenior Santiago, Brión e Brión I.

Carpintería e moble

No que atinxe ao CIFP Politécnico de Santiago, participaron na iniciativa 11 alumnos do ciclo de grao básico en Carpintería e moble, dos que titularon 10 e un non puido por enfermidade. Tres deles conseguiron unha oferta de traballo na empresa na que realizaron a formación.

Neste caso as empresas participantes foron Carpidiser, Carpintería Marquéz y Vilela, Carpintería Senin, Carpintería y montaje O Sixto SC, Togar Cocinas, Estudio Sangiovanni, JSeoane Design, Jorge Gato Gómez e Ángel Otero Fernández.