A Formación Profesional acada un novo récord histórico con 68.823 matrículados este curso en Galicia e un crecemento do 7% nun ano

Rueda destaca a “revolución silenciosa” destas ensinanzas que xa teñen “o dobre” de alumnos que no curso 2008-2009

Asegura que estes datos acreditan que “imos polo bo camiño” no traballo da Xunta por modernizar, mellorar e adaptar a FP ás necesidades do tecido produtivo

As titulacións de alta especialización, exclusivas de Galicia, así como os másteres de FP, lideran o incremento de matrículas cunha suba do 59% en ambos os casos

O éxito da FP afiánzase de xeito xeneralizado nos distintos niveis e modalidades e no conxunto do territorio, cunha medra de case o 8% no eido rural, onde hai máis alumnos ca nunca

Confírmase a potencialidade dos 28 centros que forman a Rede de centros integrados de FP, que aglutinan case o 49% dos estudantes destas ensinanzas en centros públicos

Lun, 30/09/2024 - 18:28
f

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que as ensinanzas de Formación Profesional en Galicia volven rexistrar este curso “un novo récord” con 68.823 alumnos, o que supón “un incremento dun 7%” (4.235 estudantes máis) con respecto ao ano pasado, e “o dobre” que no curso 2008/09 (34.766 matriculados).

Rueda salientou que isto amosa a “revolución silenciosa” que a FP está a vivir en Galicia nos últimos anos e é froito do traballo feito polo Executivo autonómico para mellorar, modernizar e adaptar estes estudos ás necesidades do tecido produtivo galego. “O crecemento é xeneralizado en todas as modalidades de FP e en todo o territorio da comunidade”, sinalou o presidente, quen apuntou que “estes datos acreditan que imos polo bo camiño”.

Tal e como se reflicte nun informe da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP elevado ao Consello da Xunta, este crecemento de matrículas é xeneralizado en todas as modalidades de FP, así como no conxunto do territorio, e deriva principalmente do deseño dunha oferta ampla, variada e actualizada que chega a todas as áreas xeográficas e que se viu reforzada este ano no eido da tecnificación e a alta cualificación, garantindo así unha formación á carta que se adapta aos intereses e ás necesidades de cada persoa, tal como marca a Estratexia da FP Galicia 2030.

Aposta pola alta cualificación

Neste sentido, Rueda destacou especialmente o crecemento da matrícula nos títulos de alta especialización, “unha formación exclusiva da nosa comunidade autónoma”, cun 59% de suba entre as 24 titulacións deste tipo ofertadas para este curso. Trátase de titulacións exclusivas de Galicia que foron deseñadas atendendo a unha demanda específica por parte do sistema produtivo, co deseño de propostas ad hoc e que este ano foron especialmente reforzadas por parte da Consellería.

O mesmo acontece cos másteres de FP, cuxa matrícula se volve incrementar este ano tamén cunha suba da demanda do 59% así como a modalidade de FP dual intensiva, que acada un incremento de matriculados do 36%.

Neste curso hai 5.643 persoas matriculadas nun ciclo formativo básico (un aumento do 5,4%), 25.397 nun ciclo de grao medio (4,1% máis) e 37.783 persoas matriculadas nun ciclo de grao superior (un 8,5% máis).

 Nestes momentos, tendo en conta a evolución demográfica, estímase que se está acadando o teito de matrícula de FP polas vías convencionais cunha estabilización de cara aos vindeiros anos. Dado este contexto, a Xunta de Galicia está traballando en abrir un novo paradigma da FP a través do Plan FPGal360, explorando fórmulas innovadoras de aproveitamento do potencial destas ensinanzas que permitan seguir atraendo persoas á FP galega.

 Demanda alcista no rural

Así pois, con estes datos, a Formación Profesional galega afianza o seu éxito cun crecemento xeneralizado de matrículas en distintos niveis e modalidades, así como no conxunto do territorio.

Cómpre destacar que o reforzo da oferta de FP no rural -co maior número de prazas dispoñibles ata o de agora- tamén se reflicte nun aumento da demanda neste eido, cun aumento de matrícula de case o 8% e con máis alumnos ca nunca. Esta suba vai parella co deseño dunha oferta obxectiva, realista, actualizada e axustada ás necesidades do eido rural, onde este ano os estudantes puideron escoller entre un total de 7.631 prazas, un 11,5% máis (789 prazas máis) que o pasado ano.

Galicia avanza así na consolidación dun modelo educativo propio onde a igualdade de oportunidades, independentemente de onde se viva, é un dos seus sinais de identidade.

 O impulso da Rede de centros integrados de FP

Neste éxito de matrícula cómpre destacar o papel que desempeña a Rede de centros integrados de FP (CIFP), que non parou de medrar nos últimos anos, ao pasar dos 9 que había en 2009 aos 28 actuais tras a recente incorporación dos Audiovisual de Vigo, Montecelo de Pontevedra e Vilamarín de Ourense, en 2023, e da Escola de Cantaría de Galicia (Poio), en 2024.

Non en balde, estes 28 centros que conforman a Rede incrementaron este ano o número de matriculados en case un 9% e concentran o 49% do total de alumnado de FP matriculado en Galicia.

Unha oferta axeitada ás demandas

O crecemento xeneralizado da matrícula reflicte unha resposta positiva á oferta ampla e variada de ciclos de FP deseñada pola Consellería de Educación para este curso, con 46.714 prazas de novo ingreso que foron deseñadas logo dun proceso de diálogo coa comunidade educativa e cos sectores socioeconómicos galegos.

Neste sentido, os matriculados puideron escoller entre 214 titulacións diferentes -17 delas de nova implantación- repartidas en 153 ciclos de grao medio, básico e superior, 22 másteres, 24 títulos de alta especialización e 15 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais.

Esta planificación da oferta é o resultado final da aplicación das conclusións do Plan Conecta FP Galicia, onde, en coordinación e colaboración cos eidos socioeconómicos e territoriais, se deseñou unha proposta de formación á medida das necesidades e demandas dos sectores produtivos, e que se seguirá enriquecendo nos vindeiros anos.

Os datos analizados hoxe no Consello da Xunta fan fincapé nas principais cifras de matrícula de FP neste curso, das cales o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional informará mañá martes de xeito máis detallado.