Título node Learning object
As necesidades da sociedade e os cambios na concepción actual dos proceso de ensino-aprendizaxe necesitan que o sistema educativo fomente a participación nos procesos de innovación e investigación co propósito de introducir novidades e renovar a práctica docente como elemento de mellora.
Ao mesmo tempo, a eficacia da educación depende en gran medida da capacidade do profesorado e do sistema educativo para renovarse de acordo coas novas demandas sociais, as circunstancias sempre cambiantes do alumnado, os novos coñecementos científicos e didácticos e os correspondentes métodos e instrumentos utilizados que potencien a aproximación do sistema educativo á realidade social.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria valora aquelas experiencias innovadoras que se están desenvolvendo nos centros educativos galegos e que supoñen unha mellora da calidade da ensinanza, entre outras, en especial na atención a la diversidade.
Así, nesta convocatoria, recóllese unha modalidade C coa temática de “Atención á diversidade”, para a elaboración de materiais e/ou ferramentas de reforzo educativo que favorezan a accesibilidade ao currículo do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
-
Proposta de recursos para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo. Integración desde a área de Educación Física (1º Premio - Categoría Infantil/Primaria).
“Proposta de recursos educativos para o alumnado con NEAE. Integración desde a área de EF” do CEIP Portofaro - Cambre - A Coruña.- Aplicación práctica de diversos recursos para o alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo, en concreto con Necesidades Educativas Especiais. Trata aplicacións prácticas para este alumnado fomentando a integración na comunidade educativa en xeral.
Máis información: Proposta de recursos para o alumnado con NEAE. Integración desde a área de EF
-
Programa de intervención educativa desde a perspectiva da diversidade (2º Premio - Categoría Infantil/Primaria)
"Programa de intervención educativa desde a perspectiva da diversidade” do CEIP Rogelio García Yáñez - Ramirás - Ourense.- Na actualidade son moitos os nenos e nenas con trastornos xeneralizados do desenvolvemento que se poden incorporar a clases con alumnado sen discapacidade. Esta investigación tenta achegar á comunidade educativa as peculiaridades do alumnado con Trastornos do Espectro Autista. Este programa de intervención educativa en Educación Infantil permite realizar unha breve discusión sobre a relevancia destas aplicacións educativas, co fin de que poidan servir para realizar inducións válidas aplicables a outras situacións similares.
Máis información: Programa de intervención educativa desde la perspectiva de la diversidad
-
CADT : o profesor de Tecnoloxía en internet (1º Premio - Categoría Secundaria/Bacharelato)
"CADT. O profesor de tecnoloxía en internet" do IES Concepción Arenal - Ferrol - A Coruña.- CADT, é un sitio en internet que trata de facilitar a tarefa de introducir as competencias básicas na aula de tecnoloxía. O alumnado pode traballar a materia de tecnoloxía en calquera lugar simplemente entrando na web. A mellor maneira de aprender para o alumnado é divertíndose e CADT tenta que desta maneira se alcancen as competencias básicas. Ademais de fomentar a lectura e o uso das TICs.
Máis información: CADT: o profeosr de Tecnoloxía en internet
-
Polizóns a bordo. Traballando por proxectos no CPI de Panxón. (2º Premio - Categoría Secundaria/Bacharelato)
"Polizóns a bordo. Traballando por proxectos no CPI de Panxón" - Pontevedra.- Proxecto documental encamiñado á modificación de estratexias metodolóxicas na aula, desenvolvendo contidos curriculares que atenden á diversidade e empregando diferentes recursos, en especial as TIC, o traballo colaborativo e a biblioteca. Persigue desenvolver as competencias básicas e conseguir un maior éxito escolar.
Máis información: Polizóns a bordo
-
Proposta didáctica na área de Ciencias Sociais para o alumnado con necesidades educativas especiais asociadas a discapacidade auditiva (2º Premio - Categoría Secundaria/Bacharelato)
"Proposta didáctica na área de CCSS para alumnado con NEE asociadas a discapacidade auditiva" do CEE Nosa Señora do Rosario - A Coruña.- Desenvolvemento de estratexias metodolóxicas,recursos e actividades na Área de Ciencias Sociais na ESO, co obxecto de dar resposta ás NEE do alumnado derivadas da súa discapacidade sensorial auditiva e/ou con outros déficits asociados.
Máis información: Proposta didáctica na área de CCSS para o alumnado con NEE asociadas a discapacidade auditiva