Galicia consolídase como a comunidade con maior número de auxiliares de conversa de alto perfil académico en España

Román Rodríguez destaca a aposta da Xunta por un modelo plurilingüe de calidade, que sitúa aos alumnos galegos no grupo de cabeza estatal en coñecemento de linguas

As aulas galegas contan este curso cun total de 665 auxiliares de conversa que prestan apoio en 511 centros educativos

Ven, 27/09/2024 - 18:54
c

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e o copresidente da Comisión Fulbright pola Delegación estadounidense, Jon Piechowski, asinaron hoxe un convenio que consolida a Galicia como a comunidade autónoma que concentra o maior número de auxiliares de conversa Fulbright en toda España. A través deste acordo, sélase a incorporación de 40 auxiliares estadounidense de alto perfil académico ás aulas galegas neste curso, do total de 184 para o conxunto de España. 

A sinatura do mesmo tivo lugar esta mañá no decurso dunha xornada de benvida na que participaron os auxiliares, así como os representantes dos centros educativos nos que van a prestar o seu apoio para o reforzo da aprendizaxe da lingua inglesa.  

Froito deste acordo, así como dos que se establecen co Ministerio no marco do Acordo de Cooperación Territorial, co Instituto Confucio ou co Instituto Camões, Galicia acada este curso a cifra máis alta de auxiliares de conversa rexistrada ata o de agora, con 665 auxiliares que se incorporan a 511 centros educativos de todo o territorio galego. Isto permite que o 75% dos centros educativos sostidos con fondos públicos poidan desenvolver programas plurilingües en diversas etapas educativas, Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional. 

Román Rodríguez puxo en valor as accións do Goberno galego desenvolvidas a través da Estratexia de Educación en Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, grazas ás cales o alumnado de Galicia sitúase hoxe como o segundo con mellor nivel de toda España, segundo o informe de avaliación de EF, referencia nesta materia. 

Non obstante, subliñou o compromiso do Goberno galego por seguir afondando nesta liña e o acordo coa Comisión Fulbraight “reforza a nosa aposta por un sistema educativo plurilingüe e de calidade, que non só forma aos alumnos en linguas estranxeiras, senón que tamén achega un valor cultural ao traer profesionais altamente cualificados que contribúen ao intercambio” afirmou o conselleiro. “Galicia lidera a presenza de auxiliares de conversa Fulbright en España, e iso é un motivo de orgullo”, recalcou o titular de Educación. 

O conselleiro de Educación destacou que “estes auxiliares non só colaboran no ensino da lingua inglesa, senón que tamén traen consigo unha visión internacional que abre as portas dos nosos estudantes ao mundo. Nun momento no que o contacto con outras culturas é máis importantes ca nunca, estes programas permítennos preparar aos nosos mozos e mozas para un futuro globalizado”.

Ademais, o convenio recolle que os auxiliares de conversa conten co apoio e supervisión dunha persoa profesora titora-coordinadora en cada centro, o que lles permitirá integrarse de forma efectiva nas aulas. Durante os nove meses de colaboración, achegarán ao alumnado galego non só coñecementos sobre a lingua inglesa, senón tamén sobre a cultura dos Estados Unidos, facilitando unha aprendizaxe máis inmersiva e enriquecedora.

“O noso obxectivo non é só mellorar as competencias lingüísticas do alumnado, senón tamén fomentar a súa curiosidade e apertura cara ao mundo. O contacto directo con persoas de diferentes culturas axuda a ampliar horizontes e a crear unha mentalidade global, algo fundamental na educación actual”, resaltou o conselleiro.

O acordo entre a Xunta e a Comisión Fulbright, cun investimento total de 544.320€, será financiado en gran parte pola Administración autonómica, que achega o 87% dos fondos, mentres que a Comisión Fulbright cubre o 13% restante. Este convenio reforza o compromiso de Galicia cunha educación de calidade, que aposta por preparar ás novas xeracións para os desafíos do futuro.