A Consellería de Cultura e Educación felicita á alumna e á comunidade escolar do IES do Castro que acadou unha das dúas bolsas adxudicadas a España para participar no instituto de verán Benjamin Franklin 2012
O logro acadado por esta rapaza, que contribúe a reforzar a aposta da Consellería pola potenciación do ensino das linguas estranxeiras e a mellora da calidade do noso sistema educativo
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de felicitar a Antía Fernández Fernández, alumna do IES do Castro (Vigo), que acadou unha das dúas bolsas adxudicadas a España para participar no Instituto de Verán Benjamin Franklin 2012, programa impulsado pola Embaixada dos Estados Unidos en España para promover as relacións entre as novas xeracións de europeos, asiáticos e norteamericanos.
O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad amósase satisfeito do logro acadado por esta estudante, nunha convocatoria na que os requisitos esixían un excelente coñecemento do inglés, así como excelencia académica - unha nota media mínima de ‘Notable’ no seu expediente académico-. Deste xeito, recoñecementos como o acadado por esta alumna contribúen a reforzar a aposta que a Consellería está a facer polo ensino de idiomas, a través do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, e pola mellora da calidade do noso sistema educativo.
Neste sentido cómpre felicitar tamén ao conxunto da comunidade educativa do IES do Castro, polo seu bo facer na formación das alumnas e alumnos. De feito, este centro vigués é un dos 144 que vén de asinar un contrato-programa a prol da mellora da calidade do ensino coa Consellería. En concreto, este centro desenvolve actuacións no marco da liña 5 deste programa, para a mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia, a través do programa do Diploma da Organización do Bacharelato Internacional (IBO), que veñen desenvolvendo.
A experiencia
A alumna participará nun programa intensivo enfocado nos asuntos globais aos que se enfronta a mocidade en ambos os dous lados do Atlántico. A experiencia desenvolverase nunha localidade norteamericana - aínda por determinar -durante catro semanas en xuño-xullo de 2012 e reunirá aproximadamente a 45 estudantes de distintos países de Europa e Asia Central con 10 estudantes norteamericanos.
Durante a estadía, esta alumna galega e os seus compañeiros traballarán nun proxecto conxunto no que explorarán como as mozas e mozos de hoxe interactúan cos medios de comunicación, tanto na súa faceta de consumidores como de produtores de información. Neste sentido afondarán no sentido da liberdade de expresión como un dereito e unha fonte de responsabilidades para a cidadanía.
Ademais os beneficiarios da bolsa participarán en programas de apoio comunitario e voluntariado, viaxes de estudo, eventos culturais e seminarios, entre outros.