A Xunta avanza na elaboración do novo Plan galego de Investigación e Innovación 2025-2027

O obxectivo é mellorar a resposta das políticas públicas aos retos actuais da sociedade en I+D+i, potenciando o papel de Galicia como referente neste eido

A directora da Axencia Galega de Innovación participa na reunión do grupo técnico da Comisión Interdepartamental de I+D+i

Ven, 27/09/2024 - 18:43
p

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, presidiu hoxe a reunión da Comisión Interdepartamental de I+D+i, un encontro que se centrou en avanzar na elaboración do novo Plan Galego de investigación e innovación 2025-2027.

O Goberno galego traballa para ter aprobado este plan a final de ano, co fin último de mellorar a resposta das políticas públicas aos retos actuais da sociedade no eido da I+D+i, potenciando o papel de Galicia como referente neste eido.

Para iso, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP parte dunha avaliación, xa en marcha, da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia do período anterior, e contará coa participación dos membros do ecosistema galego de I+D+i e coa opinión contrastada dun grupo de expertos na materia. De xeito paralelo, no seo da Comisión Interdepartamental, estase a definir o enfoque estratéxico do plan para proceder despois á redacción do seu anteproxecto e á súa aprobación polo Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación e polo Consello da Xunta de Galicia.

O Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 ten entre os seus obxectivos acadar unha maior eficiencia e impacto das accións impulsadas desde a Administración para o impulso da investigación, a transferencia, a valorización e a innovación en Galicia; a coordinación dos axentes do ecosistema de I+D+i e dos recursos dispoñibles, favorecendo a colaboración público-privada; a coordinación da Comunidade Autónoma nos plans e programas nacionais e internacionais, o fomento da innovación e da súa xestión e a medición e avaliación dos resultados acadados en relación cos obxectivos propostos.