O secretario xeral de Cultura asegura que “as agrupacións de bandas de gaitas realizan un aporte esencial á cultura galega”

Anxo Lorenzo e o director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Gonzalo Ordoñez, asistiron hoxe á celebración da XXII Liga Galega de Bandas de Gaitas, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Dous mil gaiteiros procedentes de 32 bandas de Galicia, Asturias, Cataluña, Murcia, Valladolid, Castela e León, Madrid e Portugal participaron na primeira fase da liga, que tivo lugar durante todo o día en Santiago de Compostela

Sáb, 31/03/2012 - 21:45

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asegurou hoxe que “as agrupacións de bandas de gaitas realizan un aporte esencial e de calidade á cultura galega, polo seu compoñente tradicional e, ao mesmo tempo, polo seu carácter innovador”. Durante a clausura da primeira fase da XXII Liga de Banda de Gaitas de Galicia, celebrada coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,  o secretario xeral referiuse aos participantes como “xente moza con gana e con ilusión de aprender, que semana tras semana se reúnen para ensaiar e lograr a mellor sonoridade musical de conxunto”.

No acto, celebrado hoxe no Pazo de Congresos de Santiago, participaron Anxo Lorenzo e o director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Gonzalo Ordóñez. Os dous representantes da Xunta de Galicia estiveron acompañados polo alcalde de Santiago de Compostela, Gerardo Conde Roa; polo presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo; e polo presidente da Federación Galega de Bandas de Gaitas de Galicia, Hipólito Cabezas.

Construír cultura

“Sabemos –dixo Anxo Lorenzo– que o de hoxe é o resultado de moito traballo, de moito gusto pola música, de moito pracer por facer soar algo bo colectivo, e iso é construír cultura”. Por iso o secretario xeral fixo extensibles os seus parabéns a todos os participantes, “á marxe das cualificacións que obteñades”, dixo. Tamén tivo palabras de recoñecemento para as familias, “que estades aí, facendo quilómetros, acompañando, animando”.

Ao fío disto, Anxo Lorenzo asegurou que “o que fagamos co tempo libre dos máis novos é responsabilidade de todos e esta iniciativa é un exemplo de educación musical, na que hai traballo de grupo, na que debe haber divertimento, por suposto, e afán de superación”. Finalmente, desexoulles sorte aos gañadores para as seguintes fases e animoun a todos os participantes no grande esforzo musical que levan a cabo.

Dous mil gaiteiros e gaiteiras

A XXII Liga Galega de Bandas de Gaitas, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, celebrou hoxe en Santiago de Compostela a súa primeira fase. Dous mil participantes participantes de 32 bandas procedentes tanto de Galicia como de Asturias, Cataluña (Barcelona), Castela e León (Ponferrada e Valladolid), Murcia, Madrid e Portugal déronse cita no Pazo de Congresos durante todo o día para competir na catro categorías en curso. 

Menús News node R

Tema