Cultura e Educación achega preto de 1,3 millóns de euros como incentivo pola estabilización de 10 investigadores nas universidades galegas

O departamento dirixido por Vázquez Abad dá axudas ás universidades para a totalidade do persoal investigador que estabilizou entre o 1 de xullo de 2011 e o 1 de febreiro de 2012

Educación apoia de novo os esforzos de incorporación de investigadores ao sistema universitario, para potenciar a súa competitividade e a renovación xeracional

A Consellería inviste preto de cinco millóns de euros como apoio ás políticas das universidades galegas, que incorporaron 38 investigadores de alto nivel ao seu persoal desde o 1 de xaneiro de 2010

Xov, 29/03/2012 - 16:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achegará preto de 1,3 millóns de euros para financiar a contratación de 10 investigadores nas tres universidades galegas, co fin de incentivar a incorporación estable nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) de novo persoal docente con perfil marcadamente investigador.

Con esta iniciativa, á que deu hoxe o visto e prace o Consello da Xunta, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad amosa unha vez máis o seu firme apoio á estabilización do persoal docente investigador, o que contribúe á renovación xeracional. A contratación destes investigadores supón, ademais, un avance a prol da calidade do SUG, no marco dos obxectivos do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) 2011-2015.

De feito, o devandito plan recolle no seu Reto 1, a “captación, formación e retención de talento”, estratexia desenvolvida no Eixe estratéxico 1 ‘Xestión do Talento’, co fin de captar e desenvolver os recursos humanos especialmente capacitados para os procesos de xeración de coñecemento. Desta forma, a consellería considera que son precisamente os investigadores de excelencia científica, formados nas universidades galegas, os mellores recursos humanos para facer avanzar o sistema galego de I+D+i.

A través dun convenio asinado coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo), cada unha delas recibirá un incentivo por unha cantidade equivalente a tres anos de salario dun profesor titular de universidade por cada investigador contratado na súa universidade. Os postos de traballo acollidos a este convenio son todos aqueles nos cales tanto a data de contrato ou nomeamento como a de incorporación efectiva están comprendidas entre o 1 de xullo de 2011 e o 1 de febreiro de 2012, e que finalizaron previamente o seu quinto ano do contrato do Programa Parga Pondal, contando coa acreditación Manuel Colmeiro.

Desde a asunción das competencias sobre os programas de investigación das universidades no pasado mes de xuño, este é xa o segundo convenio de colaboración entre as universidades galegas e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. En conxunto, significa un desembolso de preto de cinco millóns de euros como compensacións ás universidades pola estabilización de 38 investigadores de alto nivel desde o 1 de xaneiro de 2010 ao 1 de febreiro de 2012.

Ademais, optouse pola vía de convenios de colaboración e non polas convocatorias competitivas, o que significa que as universidades reciben os cartos por todos os investigadores incorporados.

Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia segue apostando por incorporar talento investigador de alto nivel nos cadros de persoal das universidades, a prol da construción dunha universidade galega que sexa o motor dunha Galicia do futuro, que deberá estar baseada no coñecemento, a investigación e a innovación.