A Xunta confirma o reforzo de docentes nos tres colexios públicos de Rianxo pese á baixada da matrícula

O director xeral de Centros e Recursos Humanos avanza no Parlamento que todos eles contan cun plantel de profesorado que garante a máxima atención ao alumnado

Mér, 18/09/2024 - 13:21
r

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta, Jesús Álvarez, explicou hoxe que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP reforza o plantel de profesorado nos tres colexios públicos de Rianxo co obxectivo de atender ao máximo as necesidades que se produzan.

Así o avanzou esta mañá ante a Comisión 4ª do Parlamento de Galicia, onde confirmou que os colexios CEIP Alfonso Rodríguez Castelao, CEIP Ana María Diéguez e CEP Xosé María Brea Segade contan con estes novos docentes ao abeiro do Plan Mega de mellora educativa de Galicia, deseñado este ano co fin de incrementar o nivel de competencias clave do alumnado, personalizar o apoio educativo e a atención ás necesidades específicas e avanzar nun modelo de ensino inclusivo de calidade.

Segundo explicou o representante da Consellería de Educación, con este reforzo do plantel de profesorado destes colexios quedará suficientemente atendido dar resposta ao alumnado matriculado.  De feito, o colexio Rodríguez Castelao ten 18 alumnos menos que o pasado curso e conta cun docente máis, mentres que o colexio Ana María Diéguez, con sete alumnos menos dispón de dous docentes máis (un a xornada completo e outro a media xornada) e o colexio Brea Segade conta con seis alumnos máis e un docente máis.

Cómpre subliñar tamén que os colexios de Rianxo cumpren coas ratios fixadas ao abeiro do acordo estrutural de mellora do sistema educativo galego que arrancou a súa aplicación progresiva este curso empezando por 4º de Educación Primaria, e que se materializa nunha redución do 20% do número de alumnos por aula ao pasar de 25 a 20.

Investimento en obras de mellora

Por outra banda, Jesús Álvarez deu conta das melloras levadas a cabo nestes colexios ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, con actuacións que acadan os preto de 1,3M€. Neste senso lembrou a rehabilitación integral do Colexio Rodríguez Castelao levada a cabo en 2023, ao que hai que engadir outras pequenas melloras nos tres colexios.