O conselleiro de Educación anima a unha maior colaboración entre administracións para a rehabilitación de centros

O conselleiro visita o Colexio CEIP Daría González García, que pon como exemplo de cooperación entre a Xunta, a Deputación e Pontevedra e o Goberno central

Sinala a obra realizada no centro como unha boa práctica, na liña do Plan Nacional de Infraestruturas Educativas que a Xunta vén reclamando ao Ministerio de Educación

Mér, 18/09/2024 - 13:21
d

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, animou hoxe á colaboración entre administracións para a rehabilitación de centros. Fíxoo nunha visita ao Colexio CEIP Daría González García, de Pontevedra, que puxo como exemplo de cooperación entre departamentos, xunto co presidente da Deputación provincial, Luís López, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.

Neste sentido sinalou que a Deputación é a titular do edificio deste centro, mentres que é a Xunta de Galicia a que se fai cargo da dotación de profesorado e gastos de funcionamento, que supoñen un investimento anual superior aos 600.000€. Ademais, está aberto un proceso de traballo coa Deputación para que a Consellería asuma a titularidade do centro.

As obras no centro, que hoxe visitou o conselleiro, foron realizadas pola Deputación de Pontevedra e financiadas con fondos europeos canalizados a través do Goberno do Estado. “Se esta práctica se xeneralizase, serían unha mensaxe tremendamente positiva para os cidadáns, que verían con bos ollos estas accións de cooperación intelixente, en prol do ben dos usuarios”, afirmou o titular do departamento educativo da Xunta. Cómpre lembrar que esta colaboración vai na liña do Plan Nacional de Infraestruturas Educativas que a Xunta de Galicia vén reclamando ao Ministerio de Educación.

Román Rodríguez puxo en valor a rehabilitación integral do Colexio CEIP Daría González García que, cun investimento de 1,7M€, inclúen melloras de eficiencia enerxética e para o confort da comunidade educativa. Unhas actuacións similares, tal e como sinalou o conselleiro, ás realizadas polo Goberno galego ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Esta folla de ruta para a modernización dos centros educativos supuxo un investimento de máis de 278M€ en case 2.700 actuacións en toda Galicia. A provincia de Pontevedra concentra 624 obras, cun investimento de case 100M€ ao abeiro deste plan.