Román Rodríguez anuncia a creación da primeira oficina de transferencia de coñecemento para o sector biotecnolóxico
O conselleiro de Ciencia clausura o acto de presentación do balance intermedio da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 2021-2025
A Xunta prevé destinar máis de 20M€ novos de fondos europeos para apoiar o sector
A Estratexia logra mobilizar 370M€ nos seus primeiros tres anos, a creación de 24 novas empresas e o aumento do 6% no número total de traballadores en I+D+i
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou que a Xunta impulsará a creación da primeira oficina de transferencia de coñecemento -testada como un piloto- centrada no sector biotecnolóxico e compartida por todos os axentes de I+D+i para converter Galicia nunha biorrexión de referencia. Fíxoo durante a clausura do acto de presentación do balance intermedio da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 2021-2025, co que se busca achegar aos asistentes o traballo realizado neste eido para impulsar o papel da comunidade a nivel internacional.
“O compromiso da Xunta co sector biotecnolóxico e coa alta capacidade das nosas industrias xa se vén prolongando desde hai case unha década, co que aspiramos a converter a Galicia nunha biorrexión de referencia”, sinalou o representante do Goberno galego, quen afirmou que xa se está a traballar nunha medida de baterías para continuar impulsando ao sector. “Ademais desta oficina, tamén solicitaremos 20M€ novos de Fondos Feder para dar resposta aos retos do sector, realizaremos un estudo do impacto desta tecnoloxía na economía galega de 2025 e poremos en marcha varias accións para impulsar a creación e fortalecemento de spin-offs biotecnolóxicas a través de inversores privados e venture builders”, engadiu.
Estas novas accións enmárcanse na Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia, a que supera o seu ecuador cun investimento mobilizado de 370M€. Nos tres primeiros anos da Estratexia, o Goberno galego investiu máis de 102M€ a través de diferentes consellerías, sendo a Consellería de Ciencia a que máis orzamento destinou, cun 64% do total. “Durante estes primeiros anos da Estratexia xa se acadou o 56% da mobilización prevista para 2025 coas actuacións postas en marcha”, destacou Román Rodríguez.
O titular da Consellería de Ciencia, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, tamén aplaudiu todo o acadado ata o de agora a través da Estratexia: creáronse 24 empresas novas “confirmándonos como segunda rexión máis bioemprendedora, un dato ao que hai que engadir o aumento do 6% no número de traballadores en I+D no sector e o gasto en I+D+i, xa o 17% do total en Galicia”, puntualizou. Así mesmo, recordou o nacemento dun novo clúster, dous novos centros de investigación acreditados no CIGUS e dous novos fondos de investimento galego no sector, entre outros.
Deste xeito, a Estratexia de Consolidación de Biotecnoloxía está a favorecer o reforzo deste ecosistema, posibilitando a aparición de novos axentes e infraestruturas, para o que é imprescindible que as “administracións públicas e as entidades privadas traballemos conxuntamente para asegurar a mellor dotación posible fronte as necesidades, desafíos e oportunidades que supón a biotecnoloxía”, concluíu o conselleiro.