Galicia e Francia intercambian experiencias sobre a colaboración con empresas no ámbito da FP
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou hoxe a Escola de Profesións SEPR de Lyon, onde mantivo un encontro con membros do equipo directivo deste centro de referencia, que imparte todas as modalidades de FP do sistema educativo francés. No marco da reunión, intercambiáronse experiencias e coñecementos sobre a FP en xeral e, en concreto, sobre a colaboración co tecido produtivo.
Neste sentido, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP explicou como funciona a modalidade Dual Intensiva e o seu éxito no relativo á inserción laboral dos seus alumnos. Pola súa parte, os membros do centro francés detallaron como se relacionan coas empresas e amosaron o seu modelo de formación de traballadores, para as que contan con aulas específicas.