A Xunta destinará case 659.000€ á FEGAMP para financiar os gastos de limpeza de centros educativos de 34 concellos

Renóvase un curso máis este acordo que beneficia a 12 concellos da provincia da Coruña, oito da de Lugo, sete da de Ourense e sete da de Pontevedra

Lun, 16/09/2024 - 20:15
f

A Xunta de Galicia destinará 658.864€ á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para financiar os gastos de limpeza de 34 centros públicos integrados (CPI) de 34 concellos de toda a xeografía galega. O Consello da Xunta deu luz verde á renovación deste convenio entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a FEGAMP, de tal forma que a entidade municipal contratará o servizo para os colexios e sufragarao coa achega do Goberno galego.

O obxectivo deste acordo é manter unha coordinación entre administracións que permita a prestación de servizos públicos do xeito máis eficaz e eficiente posible. Deste xeito evítanse tamén duplicidades e favorécese un uso responsable dos recursos.

A acción enmárcase no acordo marco asinado pola Consellería e a FEGAMP no ano 2008 para o desenvolvemento do pacto local en materia de educación, segundo o cal o departamento educativo da Xunta de Galicia asumiu os gastos derivados do servizo de limpeza destes centros logo da adhesión dos respectivos concellos ao citado acordo marco. Os centros públicos integrados son unha tipoloxía de centros educativos radicados en zonas de baixa poboación que acollen alumnado das etapas de Infantil, Primaria e Secundaria.

Cómpre lembrar que a limpeza dos colexios é competencia municipal e a dos institutos é autonómica. No caso dos centros públicos integrados, que aglutinan ensinanzas de Primaria e de Secundaria, a limpeza faise en colaboración entre ambas administracións a través de convenio, coma o que hoxe se autoriza.

Centros beneficiados

Os centros obxecto do convenio son, na provincia da Coruña, os CPI Cruz de Sar (Bergondo), Antonio Orza Couto (Boqueixón), Vicente Otero Valcárcel (Carral), O Cruce (Cerceda), Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro), A Xunqueira (Fene), da Picota (Mazaricos), de Xanceda (Mesía), Virxe da Cela (Monfero), dos Dices (Rois), de Bembibre (Val do Dubra) e de Vedra (Vedra).

Na provincia de Lugo benefícianse os CPI Luis Díaz Moreno (Baralla), de Castroverde (Castroverde), de Cervantes (Cervantes), Virxe do Monte (Cospeito), de Seoane (Folgoso do Courel), Tino Grandío (Guntín), Uxío Novoneira (Pedrafita do Cebreiro) e San Tomé de Carballo (Taboada); mentres que na de Ourense inclúense os CPI Tomás Terrón Mendaña (Carballeda de Valdeorras), Virxe dos Remedios (Castro Caldelas), Antonio Failde (Coles), Laureano Prieto (A Gudiña), de Maside (Maside), de Padrenda-Crespos (Padrenda) e Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea).

Finalmente o acordo inclúe os CPI da Cañiza (A Cañiza), Curros Enríquez (Pazos de Borbén), de Pontecesures (Pontecesures), Domingo Fontán (Portas), Julia Becerra Malvar (Ribadumia), Manuel Suárez Marquier (O Rosal) e do Toural (Vilaboa), todos eles na provincia de Pontevedra.