A Xunta incorpora oito novos departamentos á Comisión de I+D+i ata chegar a un total de 32 e con representación en todas as consellerías

O Diario Oficial de Galicia oficializa a nova composición da Comisión Interdepartamental para abordar os retos de futuro en materia de ciencia

Participará na definición do novo Plan galego de investigación e innovación 2025-2027

Lun, 16/09/2024 - 12:07
i

A Comisión Interdepartamental de I+D+i xa dispón dunha nova composición que está a traballar na planificación e a coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos nos eidos da investigación e innovación. Así o oficializa hoxe o Diario Oficial de Galicia, polo que se fixa a estrutura orgánica desta comisión.

Deste xeito, a nova composición da Comisión Interdepartamental de I+D+i inclúe a participación de oito departamentos máis, chegando aos 32, e tendo representación de todas as consellerías de Xunta de Galicia. Creada no ano 2020 por acordo do Consello da Xunta, ten encomendado o obxectivo de integrar e complementar a visión e perspectivas estratéxicas dos diferentes departamentos da Xunta con actuacións no ámbito da I+D+i.

Entre as tarefas realizadas, cómpre destacar a elaboración do decreto que regula a carreira investigadora, convertendo a Galicia na primeira Comunidade en España en regular a carreira profesional de todo o persoal de investigación dependente da Xunta e dos seus organismos; o deseño da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3 2021-2027, a elaboración do mapa anual conxunto de apoios á I+D+i da Xunta de Galicia, a creación do portal colaborativo do ecosistema Innovarede ou a definición e concreción das nove propostas de Compra Pública de Innovación que optan a financiamento europeo a través da liña FID do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Como próximas actuacións, entre outras, compételle participar na definición do novo Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 ou na elaboración da próxima lei de ciencia e innovación de Galicia. Así mesmo, a Comisión tamén deberá abordar retos a futuro como a creación dunha unidade administrativa integrada para apoiar proxectos de Compra Pública de Innovación ou a coordinación con todas as consellerías das iniciativas e esforzos da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas.