A Xunta incrementa nun 33% o investimento en I+D+i nas universidades e supera xa os 58M€ no período 2019/2024

O Consello da Xunta autoriza unha nova inxección de 4,6M€ para que os órganos universitarios intensifiquen a súa actividade investigadora e científica este ano

Estes novos recursos reforzan ata case 19M€ os convenios iniciais de 14M€ para o bienio 2023-24, e formalizaranse a través de addendas coa USC, UVigo e UDC

Lun, 09/09/2024 - 15:56
c

A Xunta de Galicia reforza o apoio ás universidades públicas galegas en materia de I+D+i cunha nova inxección orzamentaria de 4,6M€ para este ano, o que supón incrementar nun 33% a dotación inicial acordada correspondente ao período 2023-24 para impulsar esta liña prioritaria do Plan Galego de Financiamento Universitario.

Deste xeito, a través das respectivas addendas autorizadas hoxe polo Consello da Xunta coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa de Vigo (UVigo) e coa da Coruña (UDC), estas pasarán a percibir preto de 19M€ fronte aos 14M€ iniciais co fin de fortalecer e enriquecer as súas infraestruturas científicas e equipamento tecnolóxico. Este reforzo supón, ademais, consolidar un investimento de máis de 58M€ en accións estratéxicas de I+D+i nas universidades públicas galegas no período 2019/2024

Así pois, as tres universidades pública galegas poderán ampliar, implementar e reforzar as accións previstas no convenio asinado en 2023 e que agora se enriquece cunha nova dotación orzamentaria por parte do Goberno galego, o que lles permitirá intensificar a actividade investigadora e aumentar a produtividade científica mediante a diversificación na chegada de recursos.

Entre os conceptos obxecto de financiamento está o reforzo dos centros de excelencia da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia, así como a captación e retención de talento investigador, o impulso e divulgación científica, estratexias para promover as titulacións duais e accións para a especialización dos campus. Tamén se inclúen as obras, o acondicionamento de laboratorios e adquisición de equipamento tecnolóxico de alta especialización.

Universidade de Santiago, 7,7M€

No caso da USC, recibirá case 1,2M€ máis sobre os 6,5M€ do período 2023-24, polo que a contía final elévase a máis de 7,7M€. Con esta nova inxección, a Universidade compostelá vai reforzar as contías de apoio aos seus centros de investigación, á ampliación de contratos posdoutorais, aos seus centros da rede de Centros de Investigación, a actividades de divulgación da investigación e a promover melloras da calidade dos seus mestrados, entre outros.

Universidade de Vigo, 5,8M€

Na Universidade de Vigo (UVigo), a contía total para 2023-24 elévase a máis de 5,8M€ con esta nova achega de 2,35M€ que neste caso concentrará en afianzar obras singulares de apoio á investigación, intensificar o apoio aos seus centros de investigación, o desenvolvemento de accións de alto impacto en I+D+i, captación de talento e promoción da calidade da docencia.

Universidade da Coruña, 5,2M€

No caso da Universidade da Coruña (UDC) recibirá una inxección de 1,08M€ ata acadar unha contía total de máis de 5,2M€ entre 2023 e 2024. Con este reforzo, afianzará as accións de impacto xa previstas co impulso específico do desenvolvemento do proxecto SIGMA ACADEMICS (un novo software de xestión académica integral), o reforzo dos campus de especialización e dos laboratorios tecnolóxicos, entre outros.