A Xunta destina 1,6M€ en axudas ás asociacións de nais e pais para xestión do comedor escolar este curso

A Consellería de Educación abre o prazo desta convocatoria, cuxa contía se reforzou nos últimos anos, ata o 10 de outubro

Lun, 09/09/2024 - 13:03
c

A Xunta de Galicia destina un total de 1,6M€ en concepto de axudas ás asociacións de nais e pais que xestionan comedores escolares durante este curso escolar co fin de axudar ás familias no prezo do menú por comensal. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para que as entidades poidan adherirse a esta liña de axudas, e dispoñen de prazo ata o día 10 de outubro para tramitar a correspondente solicitude de xeito telemático.

O importe das axudas irá destinado a sufragar os gastos de xestión do servizo de comedor escolar que abranguen o custo diario do menú de mediodía por comensal, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do servizo, os gastos de mantemento, persoal e limpeza, así como os de enxoval, materiais e utensilios para a prestación do servizo.

O Goberno galego reforzou nos últimos anos a partida achegada ás anpas por este concepto, o que fai que estas asociacións reciban hoxe case o tripo do importe que se destinaba a esta liña de axudas antes da pandemia.

Estas axudas enmárcanse dentro da liña de apoio ao servizo de comedor escolar, comedores que xestiona a Xunta de Galicia e os concellos, que tamén cofinancia a Consellería de Educación. Forma parte, ademais, das distintas medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para aforrarlle este curso ás familias máis de 100M.