A Xunta e o Colexio oficial de Arquitectos de Galicia renovan a colaboración para desenvolver nos centros escolares o ‘Proxecto Terra’ co fin de concienciar sobre o respecto ao territorio e á paisaxe
O Goberno galego financia nun 90% as actuacións previstas neste convenio, que suporán un investimento de 360.000€
María M. Allegue explicou que o Proxecto Terra 2024-2026 se dirixe aos estudantes de Educación Infantil, Primaria e Secundaria para reforzar o coñecemento sobre a arquitectura da comunidade e a identidade territorial
Román Rodríguez salientou a evolución deste proxecto que se adapta á “Galicia de hoxe”
O programa Terra recibiu no 2010 o Premio Nacional de Urbanismo, sendo a primeira vez que se outorgaba a un programa educativo
Trátase da realización de actividades amenas, con material didáctico específico para cada ciclo, que contribúen á sensibilización sobre os espazos que habitamos
A Xunta e o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) renovan a colaboración para continuar desenvolvendo nos centros escolares o Proxecto Terra e concienciar aos rapaces sobre o respecto ao territorio e á paisaxe.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asinaron hoxe este convenio de colaboración co presidente do COAG, Luciano González.
No acto tamén estiveron presentes o secretario xeral de Vivenda, Heriberto García, e a directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Victoria Núñez.
As actuacións previstas no marco deste convenio, que se levarán a cabo ata o ano 2026, suporán un investimento de 360.000€, un orzamento que será financiado nun 90% por parte da Xunta.
María M. Allegue explicou que o obxectivo desta iniciativa é mellorar o coñecemento dos cidadáns, especialmente das xeracións máis novas, sobre a arquitectura da comunidade, así como da súa identidade territorial.
Pola súa parte, Román Rodríguez salientou a importancia deste proxecto que se dirixe aos alumnos das diferentes etapas da educación obrigatoria: Infantil, Primaria e Secundaria, e que se adapta á “Galicia de hoxe”. “Ao longo deste curso que comeza e do próximo actualizaranse as unidades didácticas e materiais, ademais de formar aos profesorado neste eido”, sinalou o titular de Educación. “O alumnado galego terá posibilidade a través deste programa de realizar visitas guiadas, obradoiros e intercambios territoriais, entre outras iniciativas que formarán un pensamento crítico e respectuoso sobre o hábitat”, engadiu.
Para o Colexio de Arquitectos de Galicia, o proxecto TERRA “resulta esencial”, tal e como subliñou o decano do COAG, Luciano Alfaya. Así, incidiu na pegada que este proxecto deixou en milleiros de nenas e nenos de todo o país: “fixéronse accións educativas en Primaria e Secundaria coa implicación do profesorado, e realizáronse actuacións en centros espallados por toda Galicia que contribuíron a formar unha ollada responsable sobre as maneira de construír o territorio”.
Deste xeito, este programa consiste na realización de actividades amenas e creativas que contribúen á sensibilización e formación sobre os espazos e lugares habitados, a paisaxe e o dereito ao hábitat.
Nos centros educativos traballarán con material didáctico deseñado especificamente para cada etapa educativa. Así, o hábitat estúdase afondando en diferentes aspectos, como son a paisaxe, o territorio, o urbanismo, a arquitectura ou o medio ambiente.
Cómpre lembrar que o Proxecto Terra naceu hai máis de 20 anos e dende o ano 2003 a Xunta e o COAG manteñen a colaboración na elaboración de actividades didácticas, co fin de formar á comunidade educativa en temas relacionados co territorio.
A conselleira lembrou que no ano 2010 o Proxecto Terra recibiu o Premio Nacional de Urbanismo, sendo a primeira vez que se outorgaba a unha iniciativa educativa.