Román Rodríguez avanza que Galicia será nesta lexislatura a primeira comunidade autónoma en acadar o 1 % do PIB no financiamento público das universidades

Destaca que a Universidade galega é a máis accesible e mellor financiada de España e anima a seguir traballando xuntos para afrontar os retos de futuro

Subliña a entrada en vigor, por primeira vez este curso, da matrícula gratuíta, unha medida pioneira en España que blinda a igualdade no acceso á educación superior

Comprométese a seguir reforzando o Plan de Financiamento, que este ano supera por primeira vez os 500 M€ de investimentos por parte da Xunta

Ven, 06/09/2024 - 16:26
u

O conselleiro de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, avanzou hoxe que Galicia se converterá nesta lexislatura na primeira comunidade autónoma en acadar o 1 % do PIB en recursos públicos transferidos ou captados polas universidades. Lograrao con moita anticipación dado que este é un obxectivo xeral para toda España cuxo cumprimento se fixa en 2030.

O representante da Xunta afirmouno con motivo da apertura do curso académico 2024-25 do Sistema Universitario Galego nun acto no que tamén interveu o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e ao que asistiron os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, así como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo. No Paraninfo da UDC, Román Rodríguez destacou que as universidades galegas son hoxe as máis accesibles para os estudantes e as mellor financiadas de todo o Estado e animou a seguir traballando con coordinación e desde o consenso para afrontar con éxito os desafíos de futuro aos que se teñen que enfrontar as universidades nos próximos anos.

Na súa intervención, o conselleiro subliñou a posta en marcha, por primeira vez este curso, dunha “medida histórica” a nivel estatal como é a gratuidade da matrícula universitaria para os estudantes das tres universidades públicas. Trátase, afirmou, dunha medida “sen precedentes” que “democratiza aínda máis” o acceso ao ensino superior en Galicia e blinda a igualdade de oportunidades, preservando ademais a cultura do esforzo.

Mobilización de 3.200 millóns de euros

Tamén puxo en valor o Plan de Financiamento Universitario como “sinal de identidade” de Galicia, dado que a meirande parte das comunidades non contan cunha planificación a varios anos vista, consensuada cos equipos reitorais, que garante o financiamento estrutural estable. O Plan actual mobiliza case 3.200 M€ en todo o período de vixencia.

Trátase dunha senda de financiamento que incrementa cada ano os recursos públicos das institucións universitarias e que este ano supera por primeira vez os 500 M€ da Xunta a tal fin. Isto, en palabras do conselleiro, fai “que sexamos das comunidades autónomas que mellor financian as súas universidades” ao tempo que lles permite unha previsión de gastos e unha planificación previa e segura, cuestión que foi posible acadar grazas “á altura de miras” e a perspectiva de “diálogo construtivo” entre todas as partes.

Conectar a  universidade coa súa contorna

En opinión de Román Rodríguez, é o momento de avanzar en novos desafíos para que o potencial da comunidade universitaria “se traduza nun impacto real na sociedade” cunha universidade “conectada ás transformacións e ás esixencias da estrutura produtiva a través da transferencia de  coñecemento”.

Un dos aspectos claves deste reto é contar cun sistema de I+D+i forte e maduro, para o cal Galicia debe seguir fomentando o seu tecido investigador e científico para gañar competitividade e captar talento desde as universidades como piar do ecosistema investigador galego. Para isto, o conselleiro propón avanzar nunha “fórmula propia” que, partindo da investigación básica, “dea prioridade á utilidade, á innovación e ao coñecemento con beneficios nos nosos sectores produtivos e na nosa cidadanía”.

Maior porcentaxe de España en I+D+i

Se ben nestes momentos as partidas vinculadas directamente á I+D+i representan o 25 % do financiamento universitario, a maior porcentaxe de España, desde o Goberno galego apóstase por seguir reforzando as sinerxías entre os centros tecnolóxicos universitarios para construír redes máis potentes e acelerar o impacto dos resultados.

Román Rodríguez pechou a súa intervención facendo fincapé na necesidade de seguir “camiñando xuntos” nos novos desafíos para garantir unha universidade “comprometida, de calidade e con visión de futuro” e para afrontar “con valentía” cuestións como a renovación da oferta académica, o reto demográfico ou a internacionalización.