A Xunta apoia con 50.000 euros a actividade investigadora do gañador dunha axuda do Consello Europeo de Investigación
O investigador Jorge de Torres, do Instituto de Ciencias do Patrimonio, desenvolverá un proxecto sobre estudos arqueolóxicos do período medieval no Corno de África
Esta iniciativa, enmarcada no programa Oportunius, busca reter e captar talento a través de investigadores excelentes para crear emprego de calidade e retornos
Desde o 2014 apoiouse a 25 beneficiarios das axudas do ERC cunha achega de 6,4M€
O Consello da Xunta aprobou hoxe un convenio de colaboración entre a Consellería de Ciencia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para destinar, a través do programa Oportunius, 50.000 euros ao fomento da actividade do investigador que resultou gañador dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC) do Horizon Europe, Jorge de Torres, do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT).
O investigador Jorge de Torres obtivo unha axuda do ERC na modalidade Starting Grant para desenvolver o seu proxecto StateHorn, cuxo obxectivo é desenvolver unha teoría para comprender os estados débiles ou falidos a partir de estudos arqueolóxicos do período medieval no Corno de África -Somalia e Etiopía-.
Ademais dos 50.000 euros que recibirá da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP a raíz da súa axuda ERC, este investigador tamén recibiu 200.000 euros en fondos complementarios do programa Oportunius a través dun primeiro convenio co CSIC (xuño 2020-2024), o que agora se amplía en 50.000 euros con este novo convenio en dúas anualidades (2024-2025).
O obxectivo desta iniciativa é reter e captar talento a través de investigadores excelentes para crear emprego de calidade e retornos en termos de coñecemento e competitividade científica e económica. Deste xeito, os fondos complementarios que se lle outorgan aos investigadores oriéntanse a reforzar os recursos humanos e materiais dos proxectos, como a contratación de persoal adicional, a compra de novo material ou a asistencia a congresos.
O programa Oportunius
Esta iniciativa, enmarcada no programa Oportunius, favorece a xeración, retención, retorno e atracción a Galicia de investigadores de primeiro nivel internacional. Polo seu alto nivel de esixencia e competitividade, as axudas do ERC considéranse un baremo do nivel de excelencia científica das institucións e rexións que acollen aos seus gañadores.
Concretamente, os programas xestionados polo ERC apoian ao mellor persoal investigador de calquera nacionalidade que desexe realizar investigacións en calquera dos 27 estados membros da UE e os seus países asociados. A tal fin, o ERC conta con diferentes tipos de axudas: ERC Starting Grants, da que é beneficiario o investigador gañador da beca este ano; ERC Consolidator Grants, ERC Synergy Grant e ERC Advanced Grant.
Desde a posta en marcha do programa Oportunius no 2014, apoiouse a 25 investigadores gañadores das axudas do ERC cunha achega total de 6,4M€; concedéronse 18 contratos de persoal investigador distinguido a gañadores ERC; acolléronse 39 proxectos financiados polo ERC de 31 investigadores, con fondos por valor de 57,17M€; captáronse 30,1M€ en proxectos competitivos polos grupos de investigación liderados por gañadores ERC, e concedéronse apoios a 27 investigadores finalistas das axudas do ERC, dos que cinco acadaron posteriormente a axuda do ERC.
Apoio aos finalistas ERC
Ademais, o Goberno galego tamén apoia o fomento da actividade dos investigadores finalistas das axudas do ERC no marco do programa Horizon Europe. Esta iniciativa busca impulsar a actividade dos investigadores que chegaron á fase final deste programa do ERC, pero non obtiveron apoio, para axudalos co fin de perfeccionar os seus proxectos e obter mellores resultados en vindeiras convocatorias.
Concretamente, a Xunta de Galicia acordou destinar este ano 300.000 euros a un convenio coas universidades públicas galegas e co CSIC para fomentar a actividade de seis investigadores. Os candidatos finalistas desta última convocatoria desenvolverán os seus traballos na USC (tres), na UDC (un), na UVigo (un) e na Misión Biolóxica de Galicia do CSIC (un), contando cada beneficiario cun total de 50.000 euros repartidos en dúas anualidades.