A Xunta aprobará o luns no Consello a licitación da obra de construción do novo colexio do Milladoiro por case 9,8M€

A previsión é que as obras comecen no primeiro semestre de 2025, co obxectivo de que entre en funcionamento no curso 2026/27

O Goberno galego está a investir desde 2009 94M€ na construción de 19 novos centros educativos en toda Galicia

Co centro do Milladoiro e o novo IES de Navia sumarase unha inxección de case 24M€, froito do compromiso da Xunta coa creación de novas prazas onde son necesarias

O centro será o primeiro construído de xeito íntegro baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e será totalmente accesible

Sáb, 31/08/2024 - 13:13
Román e un grupo de políticos falan en pé, diante dun micrófono, cuns carteis de obra detrás

A Xunta aprobará este luns no Consello a licitación da obra de construción do novo colexio CEIP do Milladoiro, por case 9,8M€. Anunciouno esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita á parcela onde se edificará o centro, xunto co alcalde de Ames, Blas García. A previsión é poder iniciar as obras no primeiro semestre de 2025, co obxectivo de que o centro estea operativo no curso 2026/27.

 

O titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que o obxectivo desta actuación é dar resposta á necesidade de prazas de escolarización neste municipio, un dos de maior dinamismo demográfico. “Desde 2009 estamos a investir 94M€ na construción de 19 novos centros educativos en toda Galicia. Deste orzamento, 70M€ están xa executados, en actuacións como a construción do Instituto IES do Milladoiro, en 2011, por máis de 5,4M€”, destacou Román Rodríguez.

 

Os 24M€ restantes destínanse a este colexio no Milladoiro e á construción do novo instituto de Navia, IES Domingo Villar, “unha inxección económica que dá conta do compromiso da Xunta coa creación de novas prazas alí onde son necesarias”.

 

Ampliación de 43 centros

Neste sentido o conselleiro lembrou que, ademais, o Goberno galego está a ampliar 43 centros de ensino en toda Galicia, obras que contan cun orzamento de case 68M€ para atender as necesidades de matrícula e de formación do alumnado. Entre eles, a ampliación que se está a acometer xa no Colexio CEIP Agro do Muíño, tamén en Ames, cun orzamento superior aos 3,4M€.

 

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

O colexio, o primeiro construído de xeito íntegro baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI. Cunha superficie total construída de 4.886 m² distribuída en dous andares, estará dotado de seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples.

 

A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

 

De acordo co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o centro estará dotado dun foro multifuncional que servirá como espazo de aprendizaxe aberto. Situarase no espazo central do primeiro andar, entre as aulas de Primaria e as de desdobre, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.

 

Ademais, o novo colexio terá un espazo específico para Polo Creativo, no que o alumnado poderá traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipado cos materiais necesarios. No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de Infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta.

 

Totalmente accesible

A accesibilidade do edificio plantéxase desde un punto de vista universal e inclusivo, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias. Deste xeito, o proxecto propón itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos, en prol dunha orientación más sinxela, e espazos de comunicación ben iluminados con luz natural. Isto completarase coa colocación de sinaléctica de gran tamaño e cor facilmente visibles.

 

Ademais, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia del edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.