O Consello Galego de Universidades informa favorablemente o anteproxecto da Lei de Universidades
No encontro de hoxe, celebrado na Cidade da Cultura, o documento foi aprobado pola maioría dos asistentes, con once votos a favor e unha abstención
O anteproxecto da Lei de Universidades recolle suxestións dos axentes do sistema universitario e ten como obxectivo que este acade os máximos niveis de eficiencia e excelencia a nivel nacional e internacional
A Lei de Universidades pechará o desenvolvemento universitario da lexislatura despois do plan de financiamento e do decreto de titulacións
No Consello Galego de Universidades (CGU) informouse favorablemente o anteproxecto de Lei do Sistema Universitario de Galicia. Cómpre sinalar que o documento foi aprobado pola maioría dos compoñentes do CGU con once votos a favor e unha abstención.
Asemade no CGU, celebrado hoxe pola mañá na Cidade da Cultura, foron designados os representantes das universidades públicas de Galicia na Axencia Galega de Innovación; no Padroado da Fundación Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL); e da Xunta Consultiva de Contratación da Xunta de Galicia.
Anteproxecto da Lei de Universidades
No relativo ao informe relativo ao anteproxecto da Lei de Universidades, o conselleiro repasou cal foi, ata o de agora, o proceso da elaboración do documento recordando que o primeiro borrador foi presentado no pasado mes de decembro no CGU celebrado no campus As Lagoas, en Vigo. O conselleiro comentou que, para a elaboración do documento dado a coñecer a semana pasada pola Secretaria Xeral de Universidades, mantivéronse contactos cos representantes das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), os membros das centras sindicais CIG, UXT, CSIF e CCOO así como con representantes da ACSUG e cos presidentes dos Consellos Sociais das tres universidades.
Unha serie de contactos que se desenvolveron desde o mes de decembro ata marzo para a elaboración dun texto no que queda reflectido a busca do consenso por parte de todos os implicados e no que, como recordou o conselleiro “se tentou dar cabida ao maior número de achegas que enriqueceron e melloraron a redacción de partida”.
Cómpre destacar que das 274 suxestións recibidas, foron integradas no texto un total de 177, que supoñen case o 65%; outras 13 admitíronse de xeito parcial, o que supón case o 5% do total, mentres que por outra banda finalmente non foron integradas 85 propostas, o que significa o 30% das presentadas. Vázquez Abad recordou que “tendo en conta todo isto, o anteproxecto debe afrontarse como unha proposta de consenso das opinións dos axentes directamente afectados no eido do ensino universitario en Galicia”, ao que engadiu que “quero agradecer publicamente o traballo realizado, a vontade de colaboración, e sobre todo, a perspectiva positiva e de mellora do sistema, desde a cal todos os implicados realizaron as súas suxestións”.
O documento
O anteproxecto esta composto dun título preliminar que establece o obxecto da lei e o seu ámbito de aplicación así como os obxectivos e fins propios do Sistema Universitario de Galicia, que nel se define. Ademais ten sete títulos, desenvolvidos en 113 artigos, 5 disposicións adicionais, 5 disposicións transitorias, 1 disposición derrogatoria e 2 disposicións finais.
No primeiro dos sete principais apartados está a Ordenación que define e potencia os principios aos que responde a actividade e a organización universitaria. Mentres que no Título II Coordinación, establece os mecanismos de fortalecemento da mesma. O Título III Garantía da calidade universitaria contén a regulación da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Despois no Título IV Consellos Sociais das Universidades Públicas incorpora e revisa contidos da Lei 1/2003, do 9 de maio, incidindo no fundamental papel deste órgano de goberno das universidades.
Co novidoso Título V:comunidade universitaria, establécese e concrétase un amplo catálogo de liberdades, dereitos e deberes do persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos e estudantes. O Título VI, actividade universitaria: a docencia, a investigación e a transferencia de tecnoloxía e de coñecementos, está dedicado á regulación dalgúns aspectos de planificación, fomento e calidade respecto das tres misións que, xunto coa actividade de estudo, que as precede e sustenta, constitúen o fundamento da institución universitaria.
O articulado da Lei péchase cun Título VII Do financiamento das universidades do Sistema Universitario de Galicia, que establece un marco sólido para a necesaria planificación económica e financeira das universidades galegas, fixando os principios que rexerán o principal instrumento para o mesmo que non é outro que o Plan de Financiamento.
Unha vez rematado o proceso de redacción deuse paso ao período de alegacións, que abriuse desde que a semana pasada o documento fose dado a coñecer. Unha vez rematado este trámite continuarase co proceso xurídico ata que o texto sexa elevado ao Consello da Xunta, aprobación previa ao seu envío ao Parlamento galego, previsto para o mes de xuño.
Verificación de títulos
Por outra banda, tamén se informou sobre a solicitude de autorización previa de envío a verificación de títulos universitarios oficiais para implantar no vindeiro curso e que se corresponde con 10 master e 2 doutoramentos para a Universidade da Coruña, 6 e 3 respectivamente para a Universidade de Santiago, e 2 e 1 pola Universidade de Vigo.
Novas prazas de Medicina
O CGU tamén foi informado sobre a proposta de ofertar 380 prazas de novo ingreso no grao de Medicina, atendendo ao estudo do Sergas presentado este mes no Consello de Docencia Clínica no que se analizan as necesidades e demandas futura da profesión de ciencias da saúde. Unha proposta que se elevará ao Ministerio de Educación a través da Conferencia General de Política Universitaria.
Dentro do CGU tamén se designou aos representantes das universidades públicas de Galicia para a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia. Así, de acordo co sistema de rotación cada dous anos aprobado con anterioridade, ao representante da UDC substituiralle Lourdes Batán Aira, xerenteda USC.
Mentres que no relativo a Axencia Galega de Innovación os reitores galegos propuxeron a Salustiano Mato, da UVigo. Finalmente o patrón da Fundación Centro tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL) será Xosé Luis Armesto, actual reitor da UDC, en substitución do seu predecesor no cargo, José María Barja.
Os asistentes
Na reunión, celebrada en Santiago na Cidade da Cultura, estiveron presentes o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o Director Xeral de I+D, Ricardo Capilla Pueyo; a subdirectora xeral de Universidades, Beatriz Soutelo; e a xefa do servizo de Coordinación do Sistema Universitario, Lourdes Rodilla. Así mesmo estiveron os reitores de Vigo e de Santiago, Salustiano Mato e Juan Casares Long, respectivamente. Así como Xosé Luis Armesto que por primeira vez asistiu ao CGU como reitor da Universidade da Coruña e que foi recibido por Díez de Castro, que en nome do conselleiro sinalou que “estamos seguros de que, xunto co seu equipo de goberno, dedicará tempo e esforzos en prol tanto da súa universidade como da totalidade do sistema, como xa o viña facendo dende a súa anterior responsabilidade de vicerreitor de profesorado, demostrando o seu compromiso co sistema e a súa capacidade de diálogo e colaboración”
Xunto a eles asistiron ao CGU o director da Axencia da Calidade do Sistema Universitario Galego, José Eduardo López Pereira; os presidentes dos consellos sociais das universidades, Antonio Abril (UDC), Manuel Puga (USC) e Ernesto Pedrosa (UVIGO). Ademais de Maite Cancelo e Carlos Pajares, como membros designados polo Parlamento.