Román Rodríguez destaca o novo edificio de talleres de madeira do IES Antón Losada como un compromiso cumprido coa comunidade educativa da Estrada

Explica que a actuación, cun investimento de máis de 3M€, avanza a bo ritmo e que está previsto o remate do edificio para setembro

A actuación consiste na construción dun taller de dúas plantas para novos espazos dos ciclos de Madeira, moble e cortiza

Ven, 23/08/2024 - 13:06
Román e un grupo de persoas paseando por unha obra

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, supervisou hoxe o avance das obras de ampliación do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez. O titular do departamento educativo da Xunta enmarcou esta actuación no investimento de case 68M€ que a Xunta está a facer na ampliación de 43 centros de toda Galicia ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

 

Durante o percorrido, sinalou esta actuación como un compromiso cumprido coa comunidade educativa da Estrada e, máis en concreto, cos ciclos da familia profesional de Madeira, moble e cortiza que se imparten neste centro. Ata o momento estes alumnos estaban a ocupar espazos da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada de xeito provisional.

 

“Esta nova infraestrutura vai permitir dotar á FP na Estrada de máis e mellores espazos, dando pulo a unha familia profesional que alimenta un sector produtivo que é referente neste concello”, destacou o conselleiro. Neste sentido, Román Rodríguez subliñou que, a través da FP Dual, o centro ten asinados convenios con empresas do sector como Estelar, Santos ou Finsa, de tal xeito que os alumnos realizan parte da súa formación en centros de traballo reais.

 

Deste xeito, a ampliación do centro reafirma o compromiso da Xunta co impulso á FP en Galicia e coa empregabilidade do alumnado, facilitando que os talleres conten cos espazos e equipamento máis actualizado que respondan aos retos de tecnificación e innovación que se plantexan hoxe en día nos ciclos formativos.

 

Román Rodríguez recordou, ademais, que este centro estradense conta, para o curso que vén, con dúas novas titulacións: o Ciclo Superior de Desenvolvemento de Aplicacións Web e o Máster en Ciberseguridade en contornas das Tecnoloxías da Información.

 

Máis de 3M€

A remodelación deste centro conta cun investimento de máis de 3M€, co obxectivo de ampliar e adaptar as infraestruturas aos ciclos. A obra xa leva avanzado un 72% do proxecto e prevese que o edificio estea rematado en setembro, para comezar a actividade docente. As obras de urbanización da parcela estarán finalizadas para mediados de outubro, cumprindo así co obxectivo de iniciar o curso do ciclo na nova edificación.

 

A intervención consiste na construción dun novo edificio, que contará cunha planta baixa con aula polivalente e técnica, vestiarios, cuarto de limpeza, cuarto de instalacións e almacén. Na planta alta, incluirase a sala de profesores, aseo, outro almacén e a área de talleres.

 

A Xunta de Galicia ten en marcha outras catro obras no concello. Tres destas intervencións son de grande envergadura: a rehabilitación integral do CEIP Pérez Viondi, as reformas das instalacións eléctricas do CEIP Manuel Villar Paramá e do CEIP Cabada Vázquez. Ademais, dentro do novo Plan de Benestar e Accesibilidade na Escola, que inclúe actuacións ao longo do verán para mellorar cubertas, aseos, ventás ou ascensores, está o cambio de fiestras no CEIP O Foxo.

 

“Todas estas intervencións son un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade”, recalcou o conselleiro.