Román Rodríguez avanza un aumento do profesorado nos centros educativos galegos para o novo curso

O conselleiro destaca “a baixada histórica das rateos”, con menos alumnos por aula para mellorar a atención, grazas a acordo asinado coas organizacións sindicais

Xov, 22/08/2024 - 14:43
Nenos traballando en grupo nunha aula, en pé ao carón dunha fiestra

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, avanzou hoxe que o número de profesores aumentará no novo curso nos centros educativos galegos. Así se expresou, a preguntas dos medios de comunicación, durante a súa asistencia á XIII da Festa do Mar, en Poio.

 

Román Rodríguez salientou que o novo curso estará marcado pola “baixada histórica das rateos”, con menos alumnos por aula e profesor, grazas ao acordo asinado con tres das catro organizacións sindicais. “Coa aplicación deste acordo, salvamos máis de 200 aulas”, detallou, o que blinda a estrutura do sistema público a medio e longo prazo.

 

“Os datos son moi contundentes e falan dunha mellora do sistema. Tan contundentes que, con 4.000 alumnos menos nas etapas de Infantil e Primaria, imos ter máis aulas e máis profesores, co cal melloran os rateos”, explicou o titular de Educación da Xunta. Ao respecto, lembrou que Galicia xa era unha das comunidades con mellor porcentaxe de alumnos por aula e profesor e que, con estas medidas, seguirá agora mellorando.

 

Neste senso, o seu departamento continúa a traballar nos preparativos da volta ás aulas como vén facendo durante todo o verán, polo que aínda se producirán novas incorporacións docentes ata o mes de setembro, cando poderá concretarse o dato.