Dezanove entidades máis incorpóranse á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

A Xunta Directiva deu aceptación ás solicitudes de adhesión presentadas polas novas entidades que se sumarán ás 97 que integran actualmente, canda a Xunta de Galicia, o proxecto posto en marcha polo Goberno galego

Con estas novas incorporacións a Rede de Dinamización Lingüística chegará ás 116 entidades adheridas, entre as que se atopan máis da terceira parte dos concellos galegos

Mér, 28/03/2012 - 13:05
Imaxe da xuntanza
Imaxe da xuntanza

O órgano de dirección executiva da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia - vinculada á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- vén de concederlle a aceptación provisional de adhesión ás dezanove entidades que teñen presentadas solicitudes de entrada no que vai de ano, logo da última xuntanza ordinaria do Consello de Membros que tivo lugar o pasado 22 de decembro.

En virtude desta reunión, aos concellos, deputacións e mancomunidades que conforman a RDL, canda á Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega (CCG), outros 16 concellos distribuídos pola xeografía galega, así como o Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra -no que se integran 21 concellos das provincias de Lugo e Ourense- e a fundación pontecesá Eduardo Pondal.

Será o propio Consello de Membros, dentro das súas competencias, o encargado de ratificar as incorporacións destas novas entidades, coas que o proxecto liderado pola Administración autonómica para a coordinación das actuacións de dinamización da lingua galega no ámbito local abranguerá xa un total de 116.

Na reunión da Xunta Directiva, que tivo lugar nas dependencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística, participaron o secretario xeral de Política Lingüística e presidente da RDL, Valentín García; os dous vogais da Xunta Directiva, Norberto Uzal -director xeral de Administración local- e José López Campos -alcalde da Estrada-, e mais a técnica de dinamización lingüística e coordinadora técnica da RDL, Beatriz Corral.

Próximas actuacións dirixidas á dinamización social da lingua galega

A orde do día da reunión incluíu ademais, de acordo coas atribucións da Xunta Directiva, o seguimento do plan de actuacións da RDL e o deseño e próxima posta en marcha da programación de actividades dinamizadoras para o ano 2012, así como das actividades formativas dirixidas á Área Técnica da RDL. Tamén se tratou o tema da próxima resolución da convocatoria de axudas ás entidades locais de Galicia en materia de dinamización lingüística, xa que nesta convocatoria, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, priorizou a pertenza dos concellos solicitantes á RDL. Outro dos temas abordados no marco da xuntanza, foi o das accións derivadas do acordo de colaboración asinado hai unhas semanas entre Cultura e Educación e o CCG, a través do cal as dúas institucións crearán e poñerán a disposición da Área Técnica da RDL materiais e ferramentas especializadas para o traballo en dinamización lingüística.

FalaRedes xa está en marcha

O novo programa da Consellería de Cultura e Educación para a RDL chega estes días á súa terceira semana de desenvolvemento a través das tres actividades gratuítas que inclúe, “O Señor das Dunas”, “Titerehop” e “Galego de cine”, que xa levan percorrido un total de 17 concellos e que seguirán o seu periplo ata o vindeiro mes de decembro para achegarlle a lingua galega a nenos, adolescentes e adultos a través de sesións que se desenvolven nos diferentes concellos da RDL, e nos que as súas veciñanzas poden participar durante as fins de semana e os festivos.

Toda a información sobre FalaRedes e o seu calendario de actividades por concellos están dispoñibles no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega/falaredes e nas redes sociais.