A Xunta aproba as condicións de xubilación parcial dos docentes do ensino concertado e o seu relevo, que se estima beneficie a uns 400 profesionais

O Consello dá luz verde ao acordo entre a Consellería de Educación e as organizacións sindicais e empresariais para aplicarse no curso 2024-25 e seguintes

O Goberno galego destina 5M€ a financiar as medidas que favorezan esta xubilación dos profesionais da educación, sempre que cumpran cos requisitos esixidos

A Consellería de Educación sumirá os gastos derivados desta medida así como da contratación do profesorado que os relevará

Lun, 05/08/2024 - 18:24
x

A Xunta de Galicia aproba as condicións de xubilación parcial dos docentes do ensino concertado , unha acción que deriva do acordo acadado entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e as organizacións empresariais e sindicais do ensino concertado, e que implicará a contratación de novos docentes. Esta medida, de aplicación desde setembro, estímase que poderá beneficiar a arredor de 400 profesionais do ensino.

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prazo a este acordo, previamente analizado na Comisión tripartita do Ensino Privado Concertado, a través do cal o Goberno galego financiará con 5M€ a posta en marcha das medidas que favorezan este proceso para aqueles profesionais que cumpran cos requisitos esixidos. Neste senso, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP asumirá as retribucións e as cotizacións á Seguridade Social derivadas deste acordo ata a data na que as persoas xubiladas parcialmente acaden a idade legal para acceder á xubilación total.

O obxectivo é facilitar e establecer as condicións para o acceso á xubilación parcial do profesorado dos centros docentes concertados de Galicia mediante a celebración simultánea de contratos de relevo para os novos docentes que se incorporen para substituír as xubilacións.

Requisitos

Entre os requisitos a cumprir para acceder a esta xubilación parcial, o persoal docente debe estar vinculado por un contrato de traballo de duración indefinida e xornada completa, incluído no réxime de pago delegado cunha antigüidade mínima de seis anos no momento de iniciarse a xubilación parcial. Tamén se poderán beneficiar da medida as persoas cooperativistas que cumpran ditos requisitos.

O período mínimo de duración da xubilación será de un ano e a redución da xornada laboral durante toda a xubilación parcial do profesorado estará comprendida entre un mínimo de 25% e un máximo do 50%.

No caso do profesorado contratado en substitución, establécese como un criterio preferencial que a persoa candidata estea incluída na bolsa de recolocación creada por un acordo asinado en xuño do ano pasado entre a Consellería de Educación e as organizacións empresariais e sindicais do ensino privado concertado de Galicia co fin de incentivar a recolocación do profesorado.

O acordo visado polo Consello da Xunta vai na liña do recollido no VII convenio colectivo de empresas de ensinanza privada sostidas total ou parcialmente con fondos públicos, que recolle a habilitación de medidas para favorecer a xubilación, tanto parcial como total, dos seus traballadores.