A Xunta inxecta máis de 3M€ no Campus Auga de Ourense logo de acadar a especialización en temáticas de auga e alimentación
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP apoiará á Universidade de Vigo cun convenio de colaboración para o período 2024-2027
A achega do Goberno galego destinarase a actuacións de gobernanza, docencia, investigación, transferencia e innovación e equipo de xestión
O Campus Auga é o terceiro en acadar a acreditación como campus de especialización, tras o Campus Industrial de Ferrol e o Campus Terra de Lugo
A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo asinarán un convenio de colaboración para desenvolver un plan estratéxico no Campus Auga de Ourense tras oficializarse a súa acreditación como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia (SUG), centrado en temáticas de auga e alimentación. Así o acordou hoxe o Consello da Xunta, que deu luz verde a un investimento de 3.256.850 euros por parte do Goberno galego distribuídos nas anualidades 2024, 2025, 2026 e 2027.
Con este convenio queda fixada a colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de actuacións estratéxicas co fin de dotar ao Campus Auga de Ourense dunha identidade propia, estreitamente ligada ás potencialidades económicas da súa contorna, así como dunha maior visibilidade que garanta o seu futuro, tanto a nivel nacional como internacional. Os obxectivos son consolidar unha maior especialización e calidade da docencia e da investigación no Campus Auga.
A través deste acordo, a Consellería de Universidades comprométese a colaborar no financiamento do gasto realizado pola UVigo para impulsar este campus especializado. Concretamente, a achega do Goberno galego destinarase a actuacións de gobernanza, docencia, investigación, transferencia e innovación e equipo de xestión.
Coa súa especialización, o Campus Auga tratará de converterse nun axente dinamizador da súa contorna e do desenvolvemento intelixente, sostible e integrador das súas cadeas de valor. Así promoverá, xunto coa xeración e transmisión de coñecemento, o desenvolvemento territorial da súa contorna, a provincia de Ourense e a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
As áreas temáticas
Con esta distinción o campus logra identidade científica propia, centrada en tres temáticas principais: a alimentación funcional, a agricultura e o medio ambiente e a xestión de auga termal. Estas liñas temáticas servirán como eixo central sobre o que se articulan as demais áreas de especialización do campus.
Deste xeito, este plan estratéxico convértese na folla de ruta para que o Campus Auga de Ourense impulse a formación avanzada e de calidade en disciplinas relacionadas coa auga, que son as que diferencian este campus a nivel nacional e internacional, así como na internacionalización da investigación multidisciplinar e na promoción da transferencia do coñecemento cara a aplicación en liña coa sociedade, a industria e as institucións.
Así mesmo, o Campus Auga deberá poñer en marcha accións encamiñadas á captación de talento, á potenciación da empregabilidade dos seus egresados, á promoción da internacionalización das titulacións e ao fortalecemento das infraestruturas de investigación.
Investidos 8,5M€ desde 2013
Cómpre lembrar que o Campus Auga de Ourense, da Universidade de Vigo, vén de acadar acreditación como campus de especialización para o período 2024-2026, polo que é o terceiro campus do Sistema Universitario Galego que obtén este recoñecemento. O primeiro en lograr esta distinción foi o Campus Industrial de Ferrol, da Universidade da Coruña, mentres que o segundo foi o Campus Terra de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela.
A Xunta de Galicia destinará máis de 3M€ ao Campus Auga para dito período, unha contía que se sumará aos case 8,5M€ que leva investido o Goberno autonómico desde 2013 neste campus, ano no que arrancou o proxecto. Concretamente, a estratexia de especialización de Campus, unha iniciativa pioneira en todo o Estado, está centrada en impulsar unhas universidades estritamente ligadas ao territorio e na que o Goberno galego leva investidos máis de 35M€.