A Xunta destina preto de 2M€ á contratación de 15 estudantes de doutoramento en empresas e centros tecnolóxicos nos que desenvolverán a súa tese
O Consello aproba a convocatoria da cuarta edición do programa de Doutoramentos Industriais da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP
Posibilita realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial, favorecendo a investigación colaborativa, a transferencia de coñecemento e a inserción laboral
En conxunto, as edicións anteriores deste programa permitiron a contratación de 46 persoas doutorandas en sete centros tecnolóxicos e 33 empresas
O Consello da Xunta aprobou a convocatoria da cuarta edición do programa Doutoramentos Industriais, unha iniciativa dotada con preto de 2 millóns de euros que apoia a contratación de 15 estudantes de doutoramento do Sistema Universitario Galego en empresas e centros tecnolóxicos con domicilio social ou centro de traballo en Galicia nos que desenvolverán a súa tese doutoral.
O programa, promovido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, permite deseñar e realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial, orientando o proxecto de investigación á resolución das necesidades e problemas dunha empresa ou centro tecnolóxico, en colaboración cunha universidade que se encargará da formación investigadora da persoa doutoranda.
Deste xeito, este programa favorece a investigación colaborativa entre unha empresa ou centro de innovación e a universidade -e con iso os procesos de transferencia-; promove a formación de mozos e mozas investigadores no marco de proxectos de interese empresarial, e estimula a súa posible inserción laboral unha vez que remate a axuda.
Os doutorandos deberán matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade do Sistema Universitario Galego e ter unha persoa directora de tese vinculada ao programa. As axudas inclúen tanto os custos de contratación, gastos relacionados co proxecto no ámbito da empresa ou centro tecnolóxico e apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro como gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto no ámbito da universidade e o custo da matrícula.
Este programa, que xa permitiu a contratación de 46 persoas doutorandas industriais en sete centros tecnolóxicos e 33 empresas nas tres edicións anteriores, complétase con outras medidas postas en marcha polo Goberno galego co obxectivo de captar talento e crear emprego de calidade no eido da investigación como Talento Sénior, Oportunius, Ignicia ou os programas de apoio predoutoral e posdoutoral.