A Xunta incrementa un 8% a colaboración coa ONCE para atender ao alumnado con discapacidade visual

O Consello aproba un convenio de 341.175 € para que a Consellería de Educación e a ONCE destinen sete profesores especializados ao apoio de 334 alumnos en centros galegos

Lun, 05/08/2024 - 18:04
o

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á renovación do convenio entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Organización Nacional de Cegos Españoles (ONCE), que destinará 341.175 €, un 8% máis que no curso 2023/2024, para colaborar na atención do alumnado con discapacidade visual. Este acordo permitirá que tanto o departamento educativo do Goberno Galego como a ONCE destinen sete profesionais para apoiar a estes estudantes en centros educativos da Comunidade.

Grazas a esta colaboración, o próximo curso recibirán apoio 334 estudantes con discapacidade visual escolarizados en calquera ensino de réxime xeral e especial non universitaria. O convenio busca favorecer a súa inclusión educativa e facilitar o seu acceso ao sistema educativo, atendendo á súa diversidade e necesidades específicas.

O acordo establece un marco de traballo con equipos específicos da ONCE para a atención escolar do alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave, así como das súas familias e centros educativos. Este acordo promoverá a coordinación dos servizos educativos e complementarios, optimizando os recursos das diferentes institucións e facilitando a conformación de equipos específicos para a atención deste alumnado.

A Consellería comprométese a dotar aos centros escolares do material necesario para garantir a inclusión educativa en igualdade de condicións do alumnado cego ou con discapacidade visual. Ademais, promoverá a adaptación a braille ou a gravación dos libros e materiais curriculares, así como a realización de formación básica para profesores e titores das etapas obrigatorias que traballan con alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave. Tamén se velará para que os materiais didácticos dixitais sexan accesibles para estes estudantes e para que o profesorado reciba formación neste eido, así como para a sensibilización da comunidade educativa en xeral. Finalmente, promoverase a colaboración dos centros escolares nos que o alumnado recibe as ensinanzas curriculares acordes coa súa etapa educativa.

Por parte da ONCE, a entidade poñerá a disposición do alumnado e das súas familias os seus centros e servizos especializados, así como os recursos humanos e materiais necesarios. Establecerá axudas económicas para cubrir as necesidades educativas específicas dos alumnos afiliados e promoverá a adaptación dos postos escolares e dos materiais. Ademais, levará a cabo formación docente e implementará un servizo de sensibilización para que os centros educativos de Galicia realicen actividades que dean a coñecer a realidade das persoas con cegueira ou deficiencia visual grave e do alumnado en particular.

Con este convenio, a Consellería de Educación facilita o acceso á escolarización do alumnado galego, atendendo á súa diversidade e necesidades específicas e favorecendo a inclusión educativa. Desta maneira, Galicia aposta por continuar sendo a comunidade autónoma máis inclusiva do Estado, cun 9,31% do alumnado con necesidades especiais escolarizado en centros ordinarios.