Román Rodríguez agradece a implicación da empresa elPulpo a prol da Formación Profesional

Xov, 01/08/2024 - 11:06
Román e Eugenia rodeados de roupa colgada en perchas

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe as instalacións de elPulpo, unha empresa comprometida coa Formación Profesional e que ten apoiado ao longo dos últimos anos o impulso da oferta formativa. “A súa implicación coa formación do noso alumnado é un claro exemplo da importancia e os grandes resultados que supón conectar a Formación Profesional e as empresas”, sinalou o representante da Xunta.

 

O titular de Educación, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, puxo en valor o traballo de elPulpo neste eido. A empresa xa leva formado a tres alumnos nas súas instalacións e participa en numerosas iniciativas como o Congreso FP Innova ou no programa InnovaTech FP, onde este ano propuxeron ao alumnado o reto de crear unha colección téxtil reciclada. Así mesmo, tamén son patrocinadores da competición de Tecnoloxía da moda en Galicia Skills e colaboran na uniformidade das diferentes competicións Skills.