A Xunta apoia os proxectos no sector enerxético de Energylab como a obtención de hidróxeno verde para almacenar enerxía máis eficiente
Destaca o desenvolvemento de iniciativas innovadoras que permiten mellorar o desempeño enerxético e o uso eficiente e sustentable dos recursos
O Goberno galego leva investido neste centro case 6M€ desde o ano 2009
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe o centro tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (EnergyLab) no marco da rolda de visitas que está a realizar aos centros tecnolóxicos para coñecer a súa actividade e proxectos innovadores. Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o representante da Xunta remarcou a importancia do traballo deste centro a prol do “uso eficiente e sustentable dos recursos e do desenvolvemento de proxectos innovadores que permitan mellorar o desempeño enerxético”.
O conselleiro coñeceu o funcionamento do centro e dos laboratorios de bioenerxía, electroquímica, mobilidade e biomasa da man do vicepresidente de EnergyLab, José Cidrás; do delegado xeral de Naturgy en Galicia, Alberto Suárez, e do director xeral de EnergyLab, Fernando Val. Con equipos de alta tecnoloxía e a súa estratexia de innovación, este centro tecnolóxico busca lograr a transición enerxética e a descarbonización da sociedade mediante a xeración de gases renovables, de residuos biomásicos e o ensaio de novos biocombustibles para o transporte.
“Os centros tecnolóxicos, aos que levamos apoiado desde o 2009 con máis de 207M€, son fundamentais para mellorar a vida das persoas con proxectos innovadores”, afirmou Román Rodríguez, quen gabou o labor de EnergyLab en beneficio do medio ambiente. Entre as iniciativas do centro, o titular de Ciencia destacou o doutoramento industrial que concedeu a Xunta ao centro para o período 2023-2027, onde traballan na obtención de metanol a partir do biohidróxeno producido por bacterias. “Coñecer de primeira man este traballo, que permite un almacenamento e transporte de enerxía máis eficiente que o gas hidróxeno, é mostra do potencial e excelencia destas entidades”, engadiu o conselleiro.
Apoio do Goberno autonómico
Entre estas achegas, o Goberno galego leva investido en EnergyLab case 6M€ desde o 2009. Sobresae o apoio da Consellería de Ciencia ao financiamento estrutural do centro a través da liña de axudas de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas. EnergyLab tamén participa, xunto con outros centros tecnolóxicos, en FACENDO Plus, un proxecto enmarcado na Fábrica Intelixente e Sustentable 2024-2026 cofinanciado con fondos europeos do programa Galicia Feder 21-27.
Ademais, EnergyLab beneficiouse de dúas unidades mixtas de investigación (de mobilidade sustentable e de gas renovable) e unha de consolidación de gas renovable. Os seus responsables destacaron a unidade de gas renovable que EnergyLab desenvolve con Naturgy e Edar Bens S.A., coa que se alcanzaron fitos moi importantes como o desenvolvemento e posta en marcha da primeira planta de metanación biolóxica en España para xerar biometano e a súa inxección na rede de gas natural. Cómpre salientar tamén a participación de EnergyLab en proxectos europeos como HYDEA, en colaboración co Porto de Vigo, no que se investiga o emprego de tecnoloxías baseadas en hidróxeno verde procedente de enerxía mariña e outras enerxías renovables nos portos da área Atlántica, ou D-HIDROFLEX, centrado no desenvolvemento de solucións dixitais para o mantemento de centrais hidroeléctricas. Por último, o centro tamén participa en proxectos nacionais colaborativos no ámbito do hidróxeno como o da Rede Cervera.