A Xunta destina máis de 1,7M€ a cofinanciar a contratación de 50 científicos nas universidades cos programas Ramón y Cajal e Juan de la Cierva

O Consello autoriza os convenios a través dos cales a Consellería de Educación asume os gastos de incorporación a tempo completo destes investigadores

Así mesmo, reforza o apoio aos aspirantes ás axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) para incrementar as súas posibilidades de éxito

Esta acción enmárcase dentro das liñas estratéxicas do Goberno galego de captación, formación e retención do talento no Sistema Universitario de Galicia

Lun, 22/07/2024 - 16:54
x

A Xunta de Galicia achegará máis de 1,7 millóns de euros ás tres universidades públicas galegas para a incorporación dun total de 50 científicos dos programas Ramón y Cajal e Juan de la Cierva que traballarán como investigadores nos campus universitarios de Galicia nos próximos anos, sen que iso supoña ningún custo adicional para as arcas dos organismos universitarios. Así mesmo, o Consello autoriza a subscrición dun convenio coas tres universidades galegas e co CSIC para reforzar a actividade do persoal investigador que chegou á fase final das convocatorias de axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) para incrementar as posibilidades de éxito en vindeiras edicións.

En concreto, o Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace a dous convenios de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e as universidades de Santiago de Compostela, da Coruña e de Vigo, segundo o cal o Goberno autonómico cofinancia a contratación de 36 científicos cunha traxectoria destacada e alto potencial investigador, beneficiarios do subprograma estatal Ramón y Cajal, e outros 14 investigadores do Programa Juan de la Cierva. Grazas ao apoio da Consellería, as universidades públicas poderán contratar os candidatos seleccionados a tempo completo durante os anos que duren estes programas e coas condicións establecidas nos mesmos.

Ademais, o Goberno galego tamén apoia o fomento da actividade de seis investigadores finalistas das axudas do Consello Europeo de Investigación no marco do programa Horizon Europe. Esta iniciativa busca impulsar a actividade dos investigadores que chegaron á fase final deste programa do ERC, pero non obtiveron apoio, para axudalos co fin de perfeccionar os seus proxectos e obter mellores resultados en vindeiras convocatorias.

Programa Ramón y Cajal

O obxectivo das axudas Ramón y Cajal é promover a incorporación de persoal investigador nacional e estranxeiro cunha traxectoria destacada e brillante en centros de I+D. Ao abeiro do convenio autorizado hoxe, o Goberno galego destina un total de 1.296.000€ a financiar a contratación de 36 investigadores deste programa Ramón y Cajal por parte das tres universidades galegas a razón de 14 na USC, 12 na UVigo e 10 na UDC.

A Consellería de Educación paga os custos de persoal que non ten financiamento na convocatoria estatal para que a súa contratación non lle supoña gasto ningún ás universidades públicas galegas. O acordo abrangue todo o período de vixencia do contrato (cinco anos), cunha contía por contrato de 36.000€, a razón de 6.000€/ano por persoa contratada durante os tres primeiros anos e 9.000€/ano durante os dous seguintes anos.

Programa Juan de la Cierva

O Consello tamén aprobou o convenio de colaboración entre a Consellería Educación, Ciencia, Universidades e FP e as tres universidades públicas galegas ao abeiro do cal financia con 140.000 euros á captación do talento de 14 investigadores (oito na USC, catro na UVigo e dous na UDC) a través do programa Juan de la Cierva na modalidade de formación.

A Consellería paga os custos de persoal que non ten financiamento público por parte do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para que tampouco lle supoña gasto ningún ás universidades. Os contratos Juan de la Cierva teñen unha duración de dous anos. A Xunta aboará 5.000 euros por contrato ao ano.

A finalidade é incentivar ás universidades galegas para que se presenten á convocatoria deste programa Juan de la Cierva, sabendo que non teñen que pagar a parte que non financia o Ministerio. Asemade, foméntase a contratación de mozas e mozos doutores por un período de dous anos, para que completen a súa formación investigadora posdoutoral.

Programa ERC

Finalmente, na reunión semanal do Consello tamén se acordou destinar 300.000 euros a un convenio coas universidades públicas galegas, así como co CSIC, para seguir fomentando a actividade investigadora de candidatos que resultaron finalistas nas últimas axudas adxudicadas polo Consello Europeo de Investigación (ERC) e que non obtiveron financiamento. Así, búscase que desenvolvan actividades que melloren o seu proxecto de investigación para incrementar as súas posibilidades de obter a axuda do ERC en vindeiras convocatorias. Os candidatos finalistas pretenden tres á USC, un á UDC, un á UVigo e outro á Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, contando cada beneficiario cun total de 50.000 euros repartidos en dúas anualidades.

O obxecto desta iniciativa, enmarcada no Programa Oportunius, é reter e captar talento a través de investigadores excelentes para crear emprego de calidade e retornos en termos de coñecemento e competitividade científica e económica.

Concretamente, os programas xestionados polo ERC apoian ao mellor persoal investigador de calquera nacionalidade que desexe realizar investigacións en calquera dos 27 estados membros da UE e os seus países asociados. A tal fin, o ERC conta con diferentes tipos de axudas e, deste xeito, o investigador contratado da UDC está subscrito ao programa europeo ERC Starting Grants, mentres que o de Vigo e do CSIC son do ERC Consolidator Grants. Dous científicos da USC participan no programa ERC Synergy Grant e outro no ERC Starting Grants.

Desde a posta en marcha do programa Oportunius no 2014 achegouse un total de 7,6M€ en apoios a investigadores finalistas e gañadores de axudas do Consello Europeo de Investigación e concedéronse 37 apoios a 27 investigadores finalistas das axudas do mesmo. Cabe destacar que cinco investigadores do elenco de finalistas acadaron posteriormente a axuda do ERC.