O Novo plan de investigación e innovación 2025-2027 aprobarase este ano para potenciar Galicia como territorio referente en I+D+I

A Consellería de Ciencia informa ao Consello da Xunta do inicio dos traballos de elaboración coa participación de centros tecnolóxicos, investigadores e empresas

Galicia ten experimentado un gran avance nos últimos anos neste eido, con 751 millóns de euros de investimento e 12.350 persoas traballando

O Consello aproba modificar a composición da Comisión Interdepartamental de I+D+i, á que se incorporan oito novos departamentos ata un total de 32

Lun, 22/07/2024 - 16:42
c

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional informou hoxe ao Consello da Xunta do inicio do proceso de elaboración do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027. Este instrumento concretará as iniciativas e apoios á I+D+i que a Xunta desenvolverá nos vindeiros anos para avanzar neste eido e potenciar Galicia como territorio referente. Así mesmo, aprobou modificar a composición da Comisión Interdepartamental de I+D+i, encargada de planificar e coordinar as actuacións e fondos da Comunidade nesta materia para ampliar o seu alcance e adaptala aos cambios nas estruturas orgánicas das consellerías e ampliar o seu alcance.

O novo plan incidirá, en grandes liñas, nunha maior eficiencia e impacto das políticas públicas de I+D+i no desenvolvemento económico e social da nosa Comunidade, no impulso da colaboración público-privada, nunha Administración máis eficiente e eficaz na prestación dos servizos públicos e con maior capacidade de resposta ante os retos actuais da sociedade e na planificación como sinal de identidade da política de I+D+i.

O proceso de elaboración do anteproxecto do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 arranca neste mes de xullo coa avaliación final da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027, contando coa participación dos membros deste sector. Posteriormente, definirase o enfoque estratéxico do plan, a través dunha reflexión interna e externa e da súa validación cun grupo de expertos e coa Comisión Interdepartamental. Finalmente, procederase á redacción do anteproxecto do plan e á súa aprobación polo Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación e polo Consello da Xunta de Galicia.

Crecemento por riba da media estatal

En Galicia realizouse un grande avance nos últimos anos en materia de I+D+i que se reflicte, a nivel cuantitativo, nun investimento récord na nosa Comunidade, con 751 millóns de euros, e o maior número de persoas traballando neste ámbito da nosa historia. Un investimento que se reflexa nos logros acadados, consecuencia do esforzo conxunto do sector público e o sector privado.

Ademais, a día de hoxe Galicia conta co maior número de persoas traballando: con 12.350 persoas, segundo datos da estatística do INE de gasto e persoal en I+D relativos a 2022. De feito, o persoal de I+D aumentou en Galicia entre o 2009 e o 2022 nun 43%, dez puntos máis que no conxunto do Estado.

O Plan galego de investigación e innovación responde a un mandato legal establecido na Lei, de fomento da investigación e da innovación de Galicia e coordínase con outro instrumento, a actual Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que establece os retos e prioridades da política de I+D+i da Xunta de Galicia para o periodo 2021-2027. O obxecto do plan é o establecemento de obxectivos xerais e particulares no eido da investigación, a transferencia, a valorización e a innovación en Galicia, a coordinación dos axentes do ecosistema de I+D+i e dos recursos dispoñibles; a coordinación da Comunidade Autónoma nos plans e programas nacionais e internacionais, o fomento da innovación e da súa xestión e a medición e avaliación dos resultados acadados en relación cos obxectivos propostos.

Máis membros na Comisión de I+D+i

Pola súa banda, a nova composición da Comisión Interdepartamental de I+D+i inclúe a participación de oito departamentos máis, chegando aos 32, e tendo representación de todas as consellerías de Xunta de Galicia. Creada no ano 2020 por acordo do Consello da Xunta, ten encomendado o obxectivo de integrar e complementar a visión e perspectivas estratéxicas dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia con actuacións no ámbito da I+D+i.

Entre as tarefas realizadas por este órgano, cómpre destacar a elaboración do Decreto que regula a carreira investigadora, convertendo a Galicia na primeira Comunidade en España en regular a carreira profesional de todo o persoal de investigación dependente da Xunta e dos seus organismos; o deseño da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3 2021-2027, a elaboración do mapa anual conxunto de apoios á I+D+i da Xunta de Galicia, a creación do portal colaborativo do ecosistema Innovarede ou a definición e concreción das nove propostas de Compra Pública de Innovación que optan a financiamento europeo a través da liña FID do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Como próximas actuacións, entre outras, compételle participar na definición do novo Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 ou na elaboración da próxima lei de ciencia e innovación de Galicia.