A Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Sandiás colaborarán no peche e na ampliación do pavillón polideportivo a carón do colexio
A obra terá un orzamento de case 400.000 €, dos que o Goberno galego achegará 180.000 €
O obxectivo é mellorar os equipamentos públicos no rural, de tal xeito que sexan máis útiles a escolares e veciños
A Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Sandiás colaborarán no peche e na ampliación do pavillón polideportivo a carón do colexio desta localidade ourensá. A obra terá un orzamento de case 400.000 €, dos que o Goberno galego achegará 180.000 € a través das consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
O Consello da Xunta deu luz verde ao acordo de colaboración entre as devanditas institucións para acometer esta actuación, que ten como obxectivo mellorar os equipamentos públicos deste concello rural, de tal xeito que sexan máis útiles a escolares e veciños.
Na actualidade, a pista polideportiva dispón dunha sinxela cuberta a dúas augas montada sobre unha estrutura de pórticos metálicos. A obra planificada prevé o seu peche perimetral e a súa ampliación pola parte sueste coa finalidade de dotar a instalación de vestiarios, ximnasio e aseos.
A Deputación Provincial de Ourense será a encargada de contratar e executar as obras, para as cales achegará a contía de 110.000 €. Pola súa parte, o Concello de Sandiás, entidade titular do polideportivo, achegará a contía de 109.999,86 €.