O ecosistema galego de I+D+i avalía os instrumentos de apoio á I+D+i da Xunta de Galicia

Celébranse varias mesas de traballo con distintos axentes no marco do processo de avaliación final da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3)

As conclusións deste proceso participativo servirán para afinar e enriquecer os instrumentos do novo Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027

Mar, 16/07/2024 - 14:32
Persoas da USC sentadas debatindo arredor dunha mesa

A Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, celebra hoxe e mañá en Santiago de Compostela varias mesas de traballo cos distintos axentes do ecosistema galego de I+D+i (centros tecnolóxicos, universidades, organismos de investigación, sector empresarial, sociedade e Administración) como parte do proceso de avaliación final da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3).

A directora da Axencia, Carmen Cotelo, agradeceu a participación dos 70 representantes do ecosistema galego de I+D+i neste proceso e destacou a oportunidade que representa este foro para realizar unha reflexión compartida co ecosistema e extraer conclusións que permitan á Administración autonómica afinar e enriquecer os instrumentos de cara o deseño do novo Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027 que se realizará durante os vindeiros meses.

A RIS3 supuxo un novo enfoque da política de I+D+i da nosa Comunidade coa aplicación da especialización intelixente -a identificación de áreas estratéxicas potencialmente competitivas a través de procesos participativos nas que concentrar os recursos económicos para impulsar o desenvolvemento do territorio- e foi destacada como boa práctica a nivel europeo polo seu proceso de avaliación.

Estas mesas de traballo son unos dos instrumentos de recollida de información do proceso de avaliación final da Estratexia e perseguen chegar a conclusións compartidas co ecosistema sobre a implementación e o grao de consecución dos obxectivos definidos que permitan optimizar o enfoque, a eficiencia e a eficacia da política de I+D+i de Galicia. Esta avaliación final realízase unha vez concluído o prazo de execución dos fondos europeos correspondentes ao periodo 2014-2020 e despois dun proceso de avaliación intermedio realizado en 2019.