Aprobadas as primeiras medidas para reducir a burocracia nos centros educativos, que entrarán en funcionamento ao inicio do vindeiro curso

Co obxecto de mellorar o servizo a alumnos e familias, implántase un sistema de expedición automatizada de certificados e a tramitación integrada das solicitudes de intervención dos Equipos de Orientación Específica

Os equipos directivos contarán desde setembro cun sistema integral dixitalizado da tramitación de permisos docentes

Ao inicio do curso estarán actualizados os protocolos de absentismo e de procedemento corrector de condutas contrarias ás normas de convivencia

A redución da burocracia no ensino é un dos puntos pactados entre a Xunta e as organizacións sindicais dentro do Acordo para a mellora do sistema educativo

Lun, 15/07/2024 - 15:42
O Conselleiro reunido nunha mesa cos seus principais subalternos

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coa Comisión para a Simplificación e Eficiencia na Xestión Educativa, órgano creado co obxectivo de reducir a burocracia nos centros educativos. Logo de varios meses de labor a través de diversos grupos de traballo, presentáronse e avaliáronse as primeiras medidas con esta finalidade, co obxectivo de que entren en vigor a partir de setembro co inicio do novo curso. A redución da burocracia no ensino é un dos puntos pactados entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais dentro do Acordo para a mellora do sistema educativo asinado o pasado outono.

 

O obxectivo é alixeirar aos equipos directivos e aos docentes de determinadas tarefas administrativas que poden ser optimizadas e facilitadas, de tal modo que poidan dedicar ese tempo a labores propiamente educativos.

 

Medidas para alumnos, familias e docentes

Así pois, na reunión de hoxe da Comisión -composta por representantes da Consellería, de docentes de colexios, institutos e centros integrados de FP e das tres organizacións sindicais asinantes do Acordo- analizáronse os informes técnicos dos catro grupos de traballo específicos creados para tal fin segundo o tipo de ensinanzas (de Infantil e Primaria, de Secundaria, de FP e de Réxime Especial) e pecháronse as primeiras medidas que inciden na mellora dos servizos ao alumnado e as súas familias e no labor dos docentes e dos equipos directivos.

 

Neste senso, no que atinxe directamente aos servizos ao alumnado e ás familias, xa desde principios de curso operará a expedición automatizada de certificados (por exemplo, certificados de matrícula), así como a tramitación integrada de solicitudes de intervención dos Equipos de Orientación Específica. Neste último caso será unha tramitación en liña, que axilizará considerablemente o proceso, centralizándoo nun expediente único desde que un orientador pide a intervención para un alumno en concreto, a dirección visa a solicitude e finalmente a valida a Inspección Educativa.

 

No que atinxe á mellora dos servizos docentes e á interacción cos equipos directivos, desde principios de curso operará un procedemento simplificado para o rexistro das actividades do profesorado na plataforma XADE de Xestión Administrativa de Educación. Así mesmo, operará un sistema integral para a xestión de permisos e licenzas dos docentes para asistir a actividades de formación, con tramitación dixital dos mesmos.

 

Doutra banda, en resposta ás demandas formuladas desde os centros educativos, tamén se deu o visto e prace á facilitar progresivamente as probas das avaliacións de diagnóstico en soporte dixital, fronte ao formato papel no que se subministraban ata o de agora.

 

Dixitalización e tratamento de datos

Finalmente, outros dos aspectos avaliados hoxe e que entrará en vigor no primeiro trimestre do curso 2024-25 é a actualización dos protocolos de absentismo, de procedemento corrector de condutas contrarias ás normas de convivencia, coa finalidade de proporcionar aos centros documentos e guías actualizadas. Na xuntanza tamén se acordou seguir traballando na implementación doutras medidas de mellora de funcionamento dos centros que derivará nun mellor servizo á comunidade educativa e que completarán o primeiro paquete de accións aprobadas esta mañá.

 

En xeral continuarase avanzando na integración e actualización de procedementos burocráticos de xestión interna a través da dixitalización de procesos, acceso e tratamento de datos; na xestión da documentación do alumnado cun espazo dixital único para arquivar, conservar e transmitir documentos a pais e alumnos, así como establecer un sistema para transferir rapidamente e con acceso controlado os documentos das probas obxecto de reclamación; en melloras relativas á xestión de transporte e comedor escolar, e na simplificación do proceso de matrícula, entre outros.